viernes, 30 de enero de 2009

Ollo Verde: Ollo ás obras!

Onte leía no xornal que comezan as obras do tramo do AVE entre Vilagarcía e Catoira.
Semella que nas inmediacións dos antiguos talleres de Renfe foi necesario expropiar vinte fincas e que se vai construir un túnel á altura de Trabanca Sardiñeira.
Este tipo de obras teñen un forte impacto sobre o medio e sobre a xente. Eso sen contar que queren facer desaparecer o actual servizo de tren. Neste blog xa teño manifestado o meu apoio á campaña "Salva o tren", porque amén das grandes velocidades, o tren de cercanías é usado por moita xente e é moi necesario.
Tamén poden causar grande impacto sobre o patrimonio arqueolóxico, ainda que supoño que o proxecto vai acompañado dun informe valorativo e das adecuadas correccións, porque a zona é especialmente rica en xacementos: Castro de Trabanca, petróglifos, cerámicas da Idade do Bronce, etc.
A cuestión é que nas proximidades dos antigos talleres da Renfe xa hai anos que veño intentando atopar unha referencia toponímica recollida por Salvador Parga Pondal, dun terreno chamado "Ojo Verde" ou Olloverde, onde foi atopado un vaso cerámico prehistórico enteiro en 1952.
(Arriba tedes unha imaxe de Vilagarcía tomada no chamado "vuelo americano" entre 1956 e 1957. Sirve como referencia de como estaba a paisaxe daquela).
Cito textualmente:
"...encontrado en Carril (fala do vaso) en octubre de 1952. El vaso apareció en los trabajos de desmonte para la ampliación de los talleres de la Renfe, en el terreno llamado "Ojo Verde". Fue recogido inmediatamente, salvándolo así de una cierta destrucción, por el ingeniero D. Vicente J. Fernández Crespo y el jefe de Talleres, D. Cándido García, que generosamente me lo entregaron... Anoto el hecho de que posteriormente y casi en el mismo lugar apareció una piedra de granito con un rebaje en forma de cuenco, lamentablemente no conservada...".

O vaso pertenceu á colección Parga e se conserva e está exposto na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (Alomenos cara ao ano 1998 no que fixen esta foto).
Parga dice que estaba pintado con triángulos negros. Eu non os vin. O que si é que está restaurado (se ve a diferencia coa foto en branco e negro).
Este vaso se inclue dentro dun grupo relativamente abondoso no Noroeste Peninsular, cunha cronoloxía na parte final da Idade do Bronce. A pedra da que fala Parga podería ser a tapa dunha foxa funeraria, ao estilo da necrópole de Monte Mesiego ou de Coto da Laborada, na provincia de Ourense.
A ver se alguén ten algunha pista de por onde estaba esa finca.
Agora que arremete o AVE sempre convén estar co ollo posto nas obras... e neste caso, Ollo Verde.
REFERENCIAS
Parga Pondal, S. 1955. Nota sobre un vaso de la colección Parga. III Congreso Nacional de Arqueología. (Zaragoza, 1993):406-409.
Por si queredes ler máis da cerámica da Idade do Bronce ou da súa restitución 3D, vos deixo un par de enlaces da miña colega Pilar Prieto.

sábado, 24 de enero de 2009

As pedras verdes de Punta Montalvo


Nos anos noventa, andaba eu a busca de mineral de cobre pola península do Morrazo. Amén da iña inexperiencia, era unha busca complicada, porque so tiña parcas referencias de rexistros mineiros nos libros de Facenda. A prospección de campo era bastante difícil e as máis das veces, preguntando por unha mina, acababa nun pozo de auga. Así que finalmente decidín preguntar por pedras de cor verde.


Foi así que falando co señor Antonio Costa, díxome que atopara minerais verdes, pero fora do Morrazo. Indicoume entón unha punta entre as praias de Montalvo e Bascuas, en Sanxenxo.


Xusto alí, no acantilado, nun filón duns 200 metros, fomos dar cunha veta limitada dun mineral de colores entre o verde e branco, pasando polos azuis.
Tomamos unhas mostras que levamos a analizar mediante unha técnica chamada Difracción de Raios X, resultando que se trataba de moscovita, cuarzo e variscita.
A variscita é tecnicamente un fosfato de aluminio, que se empregou sobre todo na producción de doas e outros elementos de adorno na prehistoria.


A de Montalvo-Bascuas é una veta moi pequena e limitada, pero ben da para facer pequenas pezas. Daquela xa comunicara o achado no XXII Congreso de arqueología en Vigo, en 1993, pero so puxera unha foto en branco e negro na publicación. Despois foi publicado por xeólogos en 1995.


Como moita xente tenme preguntado polo tema, hoxe dáme por publicar estas fotos que atopei ao ordenar papeis na casa paterna.

Tamén por satisfacer o interese do colega Angel Cardín, que anda tras o rastro do acibeche.


Atopar variscita non tería nada de importante se non fora pola importancia que lle deu á procedencia deste mineral na prehistoria recente europea. Normalmente chamado “calaíta” (termo moi en desuso, porque non define ningún mineral en concreto) se considerou durante moito tempo procedente do norte de Europa, de onde chegaría por vía marítima atlántica. Así se falou de relacións a longas distancias, e máis dende a tese sobre as relacións atlánticas da Península Ibérica na Idade do Bronce do irlandés Eoin MacWhite (1951).

Dende entón, ainda que segue a falarse de amplias conexións na Idade do Bronce, se teñen atopado diversas probas da existencia de variscita na Península Ibérica, e incluso da súa explotación na prehistoria. Hoxe coñécense unha mina de variscita e outros minerais de máis de 6000 anos de antigüidade, a de Can Tintorer (Gavá, Barcelona) visitable dende 1993. Co mineral facían colares de doas e pulseiras que aparecen nos enxovais funerarios. Se ten feito arqueoloxía experiental para saber o proceso de elaboración.

No noroeste coñecemos algunhas doas de pequeno tamaño, por exemplo nos enxovais de algúns monumentos megalíticos, como na necrópole de Monte da Mora (O Saviñao, Lugo) (variscita, turquesa impura e lepidolita); na necrópole de Chan de Castiñeiras (Vilaboa, Pontevedra) (lepidolita e blenda); ou na necrópole de Parxubeira (Mazaricos) (as que vedes na foto).
Pero o achado máis importante que eu coñeza é recente. Se trata dun colar enteiro de doas toneliformes de distintos tamaños no túmulo de A Chousa Nova (Bandeira), que apareceron dispostas seguindo o orde do fío que as insertaba. Non sei se a Mariajo e a Paz xa teñen publicado o conxunto, pero o que si sei é que foron analizadas en Santiago.
No noroeste hai indícios de variscita moito máis importantes que o de Sanxenxo, como Palazuelo de las Cuevas (Zamora).

En Sanxenxo hai outros interesantísimos indicios mineiros e da Mina Boliches se sacaron boas cantidades de cassiterita. Pero deso falamos noutra.

lunes, 19 de enero de 2009

Do tunel de Lobeira e outras lendas

Estes días a prensa recolle que a intervención arqueolóxica iniciada en Lobeira no mes de Novembro comeza a dar os seus frutos. É unha boa nova sen dúbida. Bo traballo aos colegas de Citania e o noso apoio aos comuneiros de András.

Ao estudo da fortaleza de Lobeira dedicou un estudo Valentín Viqueira, amosando incluso unha reconstrucción ideal da mesma. (Na foto a portada de El Castrum Lupariae, de D. Valentín Viqueira, impreso en 1960).





Gustaríanos falar da historia da fortaleza, pero para eso preferimos convidar ao noso colega e amigo Vicente Caramés (Na foto abaixo nas xornadas de Patrimonio no Medio de 2007).








Así que dende estas liñas da Pedra do Encanto, queremos facer unha pequena aportación referíndonos neste caso ao patrimonio inmaterial referido as lendas.



A cuestión é ¿Quén nacido en Vilagarcía non ten oido falar do túnel de Lobeira?.


Menos mal que todavía son moitos os que coñecen a historia, porque doutro xeito, sería un indicio funesto da rápida desaparición das cousas e do pensamento parello a formas de vida anteriores á nosa.
Pouca tradición oral consérvase xa, ainda que afortunada­mente algunhas referencias foron recollidas en libros ou cancioneiros.

Tamén a toponimia permite coñecer algúns aspectos da percepción da paisaxe na antigüedade. A cartografía ainda indica o topónimo Casa da Moura, nunha pequena chan o pé da cruz, cara o Norte.

Os mouros son o paradigma dos habitantes de certos lugares da xeografía galega que caracterízanse, por presentar signos que clasifícanse de actividade cultural, xa sexa real (castros, petroglifos, mámoas, canteiras), xa sexa imaxinaria (rocas de formas extranas, marcas de erosión). Por esta razón, a meirande parte do floklore concéntrase o redor dalgúns dos xacementos arqueolóxicos.

Por outra banda, os mouros son poseedores de grandes cantidades de ouro, có que están feitos todos os seus útiles. O ouro ten sido o obxecto de numerosas violacións de mámoas ou escavacións clandestinas en castros, que xeralmente rematan fracasando.

Casi todos os lugares nos que aparecen mouros, encantos ou tesouros están comunicados de forma subterránea. As veces as lendas de túneles parten de feitos reais (existencia de minas, pozos, etc), pero ás súas dimensións sobredimensiónanse.

Este podería ser o caso da lenda do túnel do Monte Lobeira, emprezamento privilexiado en cuanto á visibilidade. Asociada á historia da fortaleza, da que hai noticia por volta do 1175, xurden outras lendas, como a recollida por Gerónimo del Hoyo no 1600: "...Dicen que hay una mina por debajo de la tierra, que va desde la fortaleza hasta el mar, junto a Cambados; y estando cercada la dicha fortaleza para coger por hambre a los que estaban en ella, que por otra parte era inexpugnable para los cercados, por la dicha mina iban al mar y traían pescado fresco con el que sustentar...".



Posiblemente, esta lenda de época histórica foi transformada cóas lendas tradicionais referidas ós castros e a outros xacementos da zona. Lendas de mouros recollidas de 1876 y 1896 relatan que "...Las cavernas que existen cerca de la cumbre, según la voz popular, son tan profundas que nunca ha sido posible encontrarles el fondo..." (García Alén e Filgueira, 1959).

Xeralmente os túneles unen sitíos cunha relación visual directa. No noso caso, o Monte Lobeira é coñecido coma unha das mellores atalaias sobre a Ría de Arousa polo seu amplio dominio visual da Ría e do val do Salnés. Por eso existe máis dunha única versión da lenda do túnel.

A lenda da que eu escoitei falar de nena é a que sinala a existencia dun tunel que vai dende Lobeira ata o Pazo de Vistalegre, emprazado no mesmo curuto que o Castro de Alobre. O tunel iría dar ó interior do edifício do actual Colexio Filipense Sagrada Familia, por trás dun retrato de San Felipe Neri, nun paño de parede onde, por circunstacias de aproveitamento do espacio arquitectónico, queda tapada unha fiestra exterior. O topónimo O Castriño consérvase hoxendía para denominar a cima deste promontorio (tamén coñecido por O Montiño), e por extensión denomina o parque colindante cós parapetos do castro.
O Castriño seguiu sendo un lugar relativamente inhóspito ata principios deste século, sendo ben coñecida en Vilagarcía a lenda que relata o robo e asesinato dun neno neste punto, no lugar que actualmente indica unha cruz.
Pero ainda hai máis versións do tunel. Bouza-Brey (1927a) recolle unha copla que conecta O Monte Lobeira, e o outeiro inmediato cara o Oeste, chamado Monte Cabalo:

Dende Lobeira a Monte-Cabalos
hai unha mina de sete reinados;
sete de ouro, sete de prata,
sete de veleno que mata.

Neste caso, a lenda vai asociada á existencia dun tesouro.

Na versión do túnel que une o Monte Lobeira có petroglifo coñecido como A Pedra do Encanto, tamén fálase dun tesouro. Según un veciño de Bamio, unha lenda conta que debaixo da Pedra do Encanto está acochado un tesouro que fora deixado alí polos mouros, habitantes destes lugares, cando fuxiran do Santo Apostol, e que tal tesouro é unha morea de ouro que non se pode coller porque o rodearan e cubriran de veleno (Bouza Brey, 1927a). Na época na que Bouza Brey visitou o lugar, algúns veciños do Veinticinco consideraban que os signos alí grabados contiñan as verbas "Ola de ouro, ola de prata, ola de veleno que mata", e tamén "Ouro, prata, veleno que mata". Outros veciños pensaban, nembargantes, que eran sinais feitas cando a guerra, para amosarse o camiño uns a outros.
As serpes frecuentemente son guardianas de tesouros. Conta unha lenda, que un señor de Bamio antes de marchar de viaxe, para guardar os tesouros, meteunos dentro dunha ola que puso nun burato entre as pedras. Despois colocou unha corda cunha lazada, convirteuna en serpe e díxolle: "O que de aquí che ha sacar, tres bicos na boca che ha dar". O criado do señor, que estaba acochado ollando a operación máxica, foi despois ó lugar onde estaba a serpe, e tras bica-la tres veces, apañou o tesouro (Bouza Brey, 1927a, Seg. Secundino Villar).

Un grupo especial, son aqueles tesouros formados por instrumentos de uso diario, pero de ouro. Contan que na noite de San Xoán, na Pedra do Encanto aparece unha fermosa muller cunha tenda con cousas de ouro e prata. Dunha vez, pasou un home ó que lle preguntou: ¿Que che gusta mais da tenda?. El contestou: "Gústanme estas tixeiras de ouro". A muller díxolle entón: "Que che corten as alegrías con elas". O home morreu. Segundo Secundino Suárez, vecino de Vilar, que tiña oubido contar a historia ó seu abó, tiña que ter contestado: "Gústame a tenda pero gústame mais a tendeira" (Bouza Brey, 1927a).

Algúns investigadores consideran que na base dos fracasos pra consegui-lo ouro podería atoparse o feito da valoración negativa que a sociedade tradicional facía da riqueza conseguida sin traballo, o máis ben, da valoración do traballo honrado e duro como medio de acceso a un nivel de riqueza superior.

Lobeira non é o único lugar de Vilagarcía con lendas de túneles. Nas prospeccións realizadas temos recollido dos veciños de Castrogudín algunhas lendas referidas ó castro que da nome o lugar. É bastante extendida a creenza na existencia dunha gabia dende o Castro da Xaiba (tamén chamado Monte Fento) ata Castrogudín. Outras lendas falan de tuneis construidos polos mouros dende Fonte Loureiro.

As rocas con particularidades naturais destacan tamén como puntos de encontro dos mouros cós humanos. Este é o caso da Pedra das Catro Esquinas no Monte Lobeira, que trataríase dunha rocha en forma de pirámide cuadrangular truncada, que destacaría sobre a paisaxe. Contábase que os apacentadores de gando no se acercaban a ela tra-la media tarde, posto que lles infundía un grande respeito e incluso medo. Según unha veciña de Paradela, dous mozos de Cornazo atoparon perto da pedra a unha muller que portaba unha tenda con ouro e prata, que lles preguntóu qué lles gustaba máis. Eles responderon: "Gústannos istas tixeiras", e ela díxolles: "Que vos saquen os ollos con elas". Semella que para romper o encanto e poder levar o ouro a resposta que deberían ter dado era: "Gústanos todo o da tenda, pro mais nos gusta a tendeira" (Bouza Brey, 1927a). Os lugares onde habitan os mouros sitúanse polo xeral nas zonas de monte, polo que os humanos atópanse con éles cando realizan actividades nas zonas marxinais da aldea, como por exemplo cando gardan o gando coma neste caso.

As fontes tamén aparecen como lugares privilexiados para a manifestación de encantos, sinalándose en moitas casos a proximidade a un xacemento. Por exemplo, en liña recta ó Oeste da Pedra do Encanto, a beiramar, din que hai unha fonte santa formada por catro laxes, donde se atopara unha santa de pedra (Bouza Brey, 1927a).
Tamén perto do petróglifo chamado Pedra de Meán (Bouza da Torre), situada sobre un pequeno curuto de pouca altura, hai unha fonte que según as lendas ten virtudes medicinais, xa que cura os ollos sempre e cando sexa usada sete dias seguidos; segundo uns, sólo antes no amencer, e segundo outros, tamén ó solpor (Bouza Brey, 1927b).

Outros lugares sinalados na paisaxe son as puntas rochososas, como Punta Grandoiro xa no límite do concello có de Catoira. Este con soporta hoxendia, un cruceiro da ruta xacobea de Arousa. Refere a lenda do Grande Ouro que "existía una especie de escalera o rampa, a partir de unos dos metros de profundidad, donde se hallaban ladrillos gruesos. A esta punta llegaba un antiguo camino y creían que los mouros habían tirado allí sus tesoros" (Filgueira e García Alén, 1959). Neste caso, o con cun cruceiro relaciónase cun camiño, que é outro dos lugares habituais de manifestación dos mouros. É posible que outros cons da ría tiveran floklore asociado, como indica a suxerente toponimia no caso do Con Branco, ou do propio que daríalle nome ó río do Con.

Os túneles tamén pasan por baixo da ría para unir a marxe sur e norte da ría de Arousa. Di a lenda que "De Campo de Porcos a Pedra Leirada, hai un tesouro de sete reinados, tempo a de vir e tempo virá, que as patas das cabras os descobrirán".

Xa para rematar, lembro que recén rematados os meus estudos en Santiago convidáronme a Radio Arousa a falar da lenda do tunel de Lobeira. Antes das novas do mediodía saín decindo que o tunel de Lobeira non existira. A reacción dos arousáns non se fixo esperar, e ate saín nas novas...¡arqueóloga arousana desminte a existencia do túnel de Lobeira!!...
As chamadas a Radio Arousa ou á miña casa para contar a versión da lenda foron moitísimas. Entón nos as recollín. Por eso agradecería os comentarios sobre todo o que coñecedes do túnel.
Referencias:
BOUZA BREY, F. 1927a: "Una estación de arte rupestre en las márgenes de la ría de Arosa". Actas y Memorias de la Sociedad Española de Antropología, Etnografía y Prehistoria, VI. Madrid. BOUZA BREY, F. 1927b: "Notas de arqueoloxía e flok‑lore arousáns: Monte e Pedra de Mean". Nós, 39: 13‑14.; FILGUEIRA VALVERDE, J. y GARCIA ALEN, A. 1959: "Adiciones a la carta arqueológica de la provincia de Pontevedra". El Museo de Pontevedra, XIII. VIQUEIRA BARRIO, V. 1960: "Antigüedad de la torre y solar de Lobeira". En, El Castrum Luparie. Folleto Histórico de la Byrxa o Torre de Lobeira en el Valle del Salnés. 11‑15.
Na prensa: