lunes, 31 de mayo de 2010

A Lanzada: un proxecto de recuperación e divulgación arqueolóxica


Cando nena, os meus pais me levaban moitas veces á Lanzada, onde por primeira vez vin unha cata arqueolóxica.


Ao estilo da época (o de sir Mortimer Wheeler), era unha cata cadrada, ben feitiña, duns catro por catro metros mais ou menos, e tan alta coma min (que por aquel entón viña sendo un metro).

Non había ninguén por alí e despois de darlle bastantes voltas pregunteille ao meu pai:


-¿qué é isto?

E o meu pai contestou...

- pois é onde vivían os prehistóricos.


Penso que a información foi confusa, ou escasa. Así que estiven enganada moitos anos, pensando que os castrexos vivían metidos naqueles buracos cadrados na terra.

Anos despois, cando con dezaseis anos decidín ir escavar, o meu pai levoume a Pontevedra, ao museo. Preguntamos. O señor da porta sentenciou...

-chegades tarde, marcharon e xa están escavando na Lanzada. Tes que vir o ano próximo.

E volvín. Pero a Lanzada xa rematara, e marchei a escavar nun pequeno castro do interior.

Estas dúas lembranzas sobre o xacemento da Lanzada, sirven como excusa para dar a coñecer con ledicia o novo proxecto que se desenvolverá na Lanzada a partir do 1 de xuño de 2010.

Se trata dun proxecto de Arqueoloxía social dirixido por Rafael Rodríguez Martínez (Excma. Deputación Provincial de Pontevedra) e executado por un equipo do Laboratorio de Patrimonio do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Esta iniciativa intégrase no proxecto Pousadas promovido pola Excma. Deputación de Pontevedra, entidade que financia os traballos de escavación e consolidación que se van levar a cabo de aquí a final de ano.

Teñen un blog para a difusión e comunicación do antedito proxecto arqueolóxico. http://alanzada.wordpress.com/


Internet é unha boa opción, pero podedes visitar as escavacións (e penso que mesmo participar nelas).


Así que xa non teredes excusas de pensar que "os prehistóricos vivían en buratos na terra".


Fotografía: Traballos de escavación ao carón da estrada n’A Lanzada na década de 1960 (Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra). Tomada do blog http://alanzada.wordpress.com/