lunes, 16 de marzo de 2009

Os Louseiros de Bamio


Hai xa uns anos que visitei a colección dunha coñecida tenda de antigüidades de Vilagarcía, El Hogar, coa miña amiga Marta Redondo, a quen envío dende estas páxinas unha forte aperta.
EL HOGAR fora fundado por DON JOAQUIN PORTO CASÁS en 1942. Inicialmente fundado como negocio de antigüidades, se pode atopar louza e porcelana de todo o mundo, xerras de Bristol, fontes de Doulton, porcelanas de Limoges, pezas de calamina, estaño, metal prateado, mobles, reloxos, lámpadas, libros e demais obxectos curiosos.
O piso superior do establecemento comercial contén unha magnífica colección de Sargadelos antigo ou da cerámica Celta de Pontecesures. Pouca xente o sabe, pero pode ser visitado.
Nunha destas visitas, atopei esta peza cerámica, e con sorpresa descubrín que é unha das poucas mostras conservadas das antigas Olerías de Bamio. Xunto co exemplar do Hogar, poden verse outros No Museo de Pontevedra, Museo do Pobo Español de Madrid, e na colección de cerámica galega do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

No Diccionario Galego Castelán que Francisco Porto Rey (o pai de Joaquín Porto) comezou a publicar no periódico Villagarcía_Carril en 1900, dicía o seguinte de Bamio:
“tiene muchas tejeras y hornos en que se cuecen casi todos los pucheros de barro que se usan en las inmediaciones.En mareas altaslas aguas atlánticas llegan al pie de sus casuchas, por lo que abunda la pesca de anguilas y sollos y la caza de patos. El ferrocarril de Santiago a Carril pasa por el medio de la aldea”.

Algúns autores que revisaron a olería galega, como Luciano García Alén, recollen a tradición dos Louseiros de Bamio. Según describe Vázquez Varela, na súa recentemente reeditada tese, tiña parecido coa cerámica de Buño, e se elaboraban especialmente: barreños, chocolateiras, perróns, olas, tarteiras, cazolas, pucheiros e macetas.

Dun artigo de Francisco Díaz Sánchez tomamos este fragmento:
"...Descoñecemos a orixe da olería de Bamio. Sorpréndenos, unha vez máis, atopa-la aldea dos oleiros nun ámbito natural sen barro. Os artistas de Bamio necesitan extraelo dos fondos mariños da enseada de A Toxa, en A Seca e Os Tubos da parroquia de Vilalonga (Sanxenxo) e, posteriormente, trasladalo por mar en galeóns máis de 25 kilómetros. Este barro de cor vermella e gran plasticidade, era coñecido como “barro pinto” polas manchas amarelas ou brancas propias da arxila caolínica. A historia dos louceiros de Bamio remata mediados do século XX, e con eles desaparecen “as olas, os cántaros, os barreños e os barreñóns grandes e bicolores” característicos do lugar...".

Vázquez Varela, sinala que entre 1930-1936 había por volta de 50 louseiros (ou alfareros). tamén sinala o ano 1950 como fin dos talleres.

No entorno da “rexenerada” praia de Bamio, aínda é posible atopar restos da estructura dos fornos mesturados con restos de olería. Non coñezo ningunha iniciativa de recuperar esta artesanía, ou polo menos a súa historia, que case semella perdida e esquecida...Pero forma parte das historias do río Ulla e da ría de Arousa.

No hay comentarios: