Veño dun viaxe por terras andaluzas. Co meu habitual gusto polas minas de cobre, visitei Minas de Río Tinto. Faláranme moi ben do museo e da ruta no antigo ferrocarril recuperado. A verdade é que o teñen ben montado e gustounos moito a experiencia.
A cuestión é que xusto alí que me vou a decatar da rivalidade que os de Minas de Río Tinto teñen cos de Vilagarcía por adxudicarse o berce do futbol. E tómanno en serio...moi en serio...segundo vin nos foros.
A min a verdade é que me dá o mesmo onde se xogou primeiro, pero ambos os casos son sorprendentes exemplos da interacción coa sociedade inglesa victoriana.
En Vilagarcía, aínda gritamos "PICHI!" (e non chapapote) cando alguén vai pisar alcatrán na area, dervado do inglés "pitch"...por pór un exemplo.
Aproveitando que o río vai tinto (tamén o Eume), traio a colación a exposición sobre a Vilagarcía dos anos 30 que organiza o concello "Xente Nosa". Paréceme unha boa iniciativa, e para colaborar, vouvos a regalar unha pequena xoia familiar. O meu avó, Manuel Rey Posse (na foto), foi un artista polifacético. Ademais de pintar ou esculpir, escribiu numerosos apropósitos de entroido, obras de teatro e outras cousas. Aínda que publicado en 1953, suponse que cara a 1920 escribiu este marabilloso monólogo titulado Match Internacional, unha hilarante escena que representa un match de foot-ball, entre os teams "Spenser" da Escuadra inglesa e o "Real Club Alfonso XIII" e o seu "avistamento" por un feirante paragüeiro.
Algúns fragmentos elixidos mostran a sorpresa dos locais ante o novo deporte. Como cando pregunta -E que raio de xogo e iste?- ou comenta do campo -Que boa leira pra patacas!-
Tamén decide que aquelo co que andan a couces é unha vexiga de porco!
Creo que lidar a pregunta de onde se xogou primeiro ao futboll é unha discusión que entorpece a riqueza de respostas á pregunta de como foi. Nunca me gustaron os Guiness. O máis, o menos, o maior, o mellor...
Do you know what I mean?
Para descargar o Monólogo Galego: Match Internacional, obra de Manuel Rey Posse.
Tamén en versión word.
No hay comentarios:
Publicar un comentario