O concello está limpando a zona, o que permite descubrir baixo a vexetación novos gravados ate o de agora inéditos.
Estes traballos non so serven para un rexistro máis completo da riqueza patrimonial de Arousa, senón tamén para facermos unha idea do seu deterioro ao longo do último século.
Temos o exemplo do petroglifo que da nome a este blog, A Pedra do Encanto, tamén chamada Gran Laxe do Meadelo, por atoparse nas inmediacións da torre medieval do Meadelo, da que apenas quedan os alicerces.
A principios de século, en 1907, o artista Enrique Campos presentaba un debuxo da Pedra do Encanto. Aínda non fora totalmente partida para a construcción da estrada a Catoira. As outras foto están tomadas o pasado luns.
Un erudito local do que xa temos falado, Juan Gil, publicou cara a 1916 varios debuxos dos gravados nesta laxe (o da Pedra do Encanto a dereita).
Posteriorente, no fundamental traballo publicado por Fermín Bouza Brey en 1927, Unha estación de arte rupestre nas marxes da ría de Arousa, atopamos múltiples debuxos e fotografías, así como indicacións de petroglifos que posiblemente estean xa perdidos para sempre. (No debuxo podedes comparar o seu calco co anterior). Fala de varios petroglifos ao sureste desta pedra, máis ou menos por onde hoxe hai edificacións.
Ramón Sobrino Buhigas o xenial investigador curmán de Enrique Campos, escribiu o primeiro corpus sobre a arte rupestre galega Corpus Petroglyphorum Gallaecia editado en 1935 polo Seminario de Estudos Galegos. Alí tamén hai calcos da pedra do Encanto.
(Nunha nota erudita corríxenme esta entrada. Certamente, e de xeito lóxico pola data, a nota que eu refería de seguido a Ramón Sobrino Buhigas é do seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. De feito, coas presas, esquecín citar a fonte da cita, que é un traballo de Angel Núñez Sobrino dispoñible en pdf . Sorry polo lapsus e graciñas ao meu colega erudito, que xa vexo que ten a ben ler de cando en vez este blog)
O seu fillo, Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, nunha nota de 3 de Junio de 1951 di:
“Voy a Ballotes y Meadelo a la tarde. El zapatero que vive y trabaja frente a la 2ª piedra me facilita cepillos, sosa y calderos de agua. Se limpia la peña, se lava y en vista de lo bien que se ven los motivos, saco fotografías. Hay más de lo que vio Enrique Campo y Bouza-Brey. Ambas se complementan, pero el último fantaseó con sus ídolos”.
Posteriores investigadores se achegaron a esta pedra para facer os seus novos calcos, pero a pedra xa estaba partida en dous e xa se perdera parte do seu contido e do seu contexto.
Os calcos que están a facerse nos permitirán coñecelos mellor e tamén avaliar o seu estado de conservación. É certo que hoxe en día podemos ter medios máis sofisticados para rexistrar os gravados, pero as condicións de visibilidade nas que foron feitos aqueles primeiros calcos pode que foran mellores, porque a acción do home sobre o medio non era tan patente. Por eso son documentos tan valiosos para amosar non só o deterioro dos gravados, senón da propia paisaxe na que se insertan, unha paixase que forma parte da súa esencia.
Para o próximo post, encaramos o conxunto dos Ballotes e os seus múltiples rexistros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario