viernes, 18 de febrero de 2011

Por un proxecto de humanización (ou de como só o home tropeza dúas veces nas mesmas pedras)

Algúns arqueólogos dicimos que as veces a xente non atopa ás cousas, senón que as cousas atopan á xente, e que o presente non atopa o pasado, senón que o pasado atopa o presente. Este é claramente o caso da pasarela de Vistalegre, que dende que asomou de súpeto no estómago roto dos recheos da rúa Arcebispo Andrade, fuxiu e ameaza polas rúas, como o novo “Alien” da vida social arousana.

O asunto, do que nos fixemos eco neste blogue, foi crecendo e tomando vida propia, retroalimentado polo chamado “affair dos bancos Ravella”, e que visto dende fora podía quedar simplemente en “o affair de Ravella”, xa que os bancos eran o de menos no caldo que se cocía no concello.

Na última semana, a aparición nun xornal dun artigo asinado por Manuel Villaronga, un coñecido historiador vilagarcián e xefe do gabinete de comuniciación do concello de Vilagarcía, provocou a aparición dun novo manifesto da Comisión Cidadá para a Defensa do Patrimonio, no que xa ten visos de converterse nun enfrontamento aberto.

Lido o manifesto e parafraseando as verbas escritas por Villaronga, aquí van as miñas “diez claves históricas y una reflexión para entender este sinsentido”.

Un. Neste mesmo xornal lía nun artigo hai uns días: “No todo lo que guardan las entrañas de la tierra tiene valor arqueológico o histórico”. Penso que hai unha confusión patente co tema do valor arqueolóxico e histórico, que estes restos teñen e terán sempre, cubertos ou á vista. O seu valor arqueolóxico é indiscutible e indiscutido, e non radica na súa maior ou menor antigüidade ou beleza. Até o lixo e os escombros teñen valor arqueolóxico, como todo o humano. Por tanto sexan do XVI, do XVIII, ou de hoxe mesmo, teñen valor como testemuña, xa que son fontes primarias de información histórica e susceptibles de ser estudadas con metodoloxía arqueolóxica.

Dous. Normalmente hai que traballar polo re-coñecemento social do valor do patrimonio arqueolóxico (que forma parte do patrimonio histórico e cultural), pola sensibilización sobre a súa fraxilidade e a responsabilidade en legalo ás xeracións futuras.

Tres. “Posta en valor” é un xiro lingüístico (e galicismo) que campa pola terminoloxía do patrimonio cultural xa hai tempo. Implica unha dobre tarefa de accesibilidade e uso e goce do patrimonio por parte da sociedade, e tamén unha parte fundamental de transferencia de coñecemento. Neste caso se destaca o “valor patrimonial” no actual contexto sociocultural.

Catro. A iniciativa cidadá semella basear a súa proposta de valorización no concepto de presentación, procurando unha solución para integrar os restos no espazo urbano. Propoñen facer os restos visibles mediante un vidro, un tipo de intervención que coñecemos co nome de “ventá arqueolóxica”. De momento descoñecemos os pormenores xa que nos medios se fala en abstracto, sen que sexa posible atopar nin unha foto boa dos restos, nin un informe técnico, nin unha proposta concreta nun proxecto. Tamén de xeito xeral podemos dicir que en Galicia estas actuacións ao ar libre teñen inconvenientes, non sendo o caso un dos lugares máis viables dende o punto de vista técnico para este tipo de actuación (estes días aportan exemplos “de interior”, como o dunha necrópole no interior dunha igrexa), ao que hai que engadir tamén o problema do vandalismo, do que en Vilagarcía xa temos algún exemplo. Tamén en abstracto a prensa recolle argumentos en contra, principalmente os problemas técnicos e o “valor económico” que suporía.

Cinco. Presentar un resto arquitectónico iluminado tras un vidro non basta para valorizalo. No caso da pasarela, segundo deduzo dos xornais, se conserva so parte dunha das paredes da pasarela, pero non o piso orixinal, polo que o que van ver dende esa ventá non será entendido sen interpretación, e menos polos turistas dos que algúns falan. Penso que é dubidoso que unha ventá con restos de esta entidade poidan constituír un atractivo de dinamización para o comercio de Vilagarcía ou para a potenciación turística. Queda claro que para min non “visibiliza” socialmente a pasarela o poñela nunha ventá arqueolóxica sen máis. PERO hai outras opcións e alternativas, e de escoller esta, debe ir acompañada de outras, no marco dun proxecto integral, e non nunha actuación puntual.

Seis. Non todo o que se atopa no día a día da arqueoloxía urbana se deixa a vista ou se exhibe. Tampouco é cousa de “facer unhas fotos e tapar”. Do que se trata é de documentalo e preservalo, habendo outros xeitos alternativos de “visibilizar” socialmente a información que aportan os restos no seu contexto.

Sete. Salvo que aconteza un accidente, as catas arqueolóxicas non rematan nin ben nin mal. As catas son negativas ou positivas, e de ambos xeitos aportan información arqueolóxica. E non se abren catas arqueolóxicas para atopar cousas concretas, senón para “catar” o que hai, e iso pode ter relación co que está nos documentos escritos ou non.

Oito. Lonxe do que traduce o artigo de Villaronga, el “inusitado interés por la conservación del patrimonio local” supón un valiosísimo cambio de actitude nos valores dos cidadáns vilagarciáns con respecto ao seu patrimonio cultural. A Comisión Cidadá pola Defensa do Patrimonio sinala crearse co fin de recuperar e por en valor “os poucos vestixios que quedan do noso patrimonio social, emocional e histórico da nosa Vila”. Un punto de partida. 1554 sinaturas que promoven unha acción de “visibilización” do patrimonio cultural duns restos materiais atopados nun proxecto urbanístico que se deu en chamar “Proxecto de humanización do entorno do río do Con”. Xente do pobo comprometida con conseguir unha xestión que coide da súa herdanza cultural e que mire por facer do patrimonio cultural un factor máis de desenvolvemento social e económico. Xente que destaca os diversos valores que se poden adxudicar ao patrimonio: o valor de uso, o valor simbólico, o valor emotivo e social, e por último, o nada desbotable valor educativo. A conciencia de que o patrimonio é de todos (non só das administracións e dos políticos), de que é fráxil e de que hai que legalo as xeracións futuras, aínda que para iso haxa que mobilizarse e pórse de acordo. Valores que discorren polas redes, enchen as conversacións e inundan de novo Vilagarcía… mentres o “formigón avanza sen piedade” dicían hai uns días no facebook. Dende logo este é o máis valioso proxecto de humanización xurdido dos lodos do Con.

Nove. Vilagarcía é un dos enclaves importantes do chamado Eixe Atlántico do Noroeste Peninsular a menos de 50 km de Santiago de Compostela. Ten un magnífico conxunto de arte rupestre prehistórico, pero non está valorizado nin incluído na Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA). Campo Lameiro, onde pronto se inaugurará o Centro de Interpretación de Arte Rupestre, será a cabeza dunha rede de áreas arqueolóxicas a visitar, como Tourón (Ponte Caldelas), Mogor (Marín), A Caeira (Pontevedra). Incribelmente Vilagarcía está ao marxe deste conxunto. O Castro de Alobre adoece do abandono, a pesares dos esforzos e investimentos feitos nos últimos anos. Castro Landín en Cuntis representa un exemplo de posta en valor dun castro e un modelo de autoxestión. E xa por rematar, a pesares de que Vilagacía ten un centro de interpretación da Ría de Arousa (CIRA) integrado na Rede de Turismo Cultural Galaico Portuguesa, segue sen contar cun digno centro de interpretación do seu patrimonio cultural, un simple punto informativo (e non me refiro a unha oficina de turismo) que centralice diferentes actuacións como poderían ser o deseño e adecuación de rutas, obradoiros educativos, visitas comentadas… en definitiva, un conxunto de actividades destinadas a dar a coñecer, valorar e facilitar o acceso á oferta cultural.

Dez. Como di o autor do artigo no xornal, en 1991 “la comisión no estaba, ni se le esperaba”. Vinte anos despois, os acontecementos amosan un cambio, e este cambio unha demanda social clara.

E aquí vai a miña reflexión. “Lo lógico, lo correcto, lo sensato” é dirixir as críticas en contra dos inimigos reais da conservación do patrimonio, que son a especulación urbanística, os intereses creados, o escurantismo na xestión e a desinformación, e NON en contra das comisións cidadás.

O interesante contido do artigo publicado por Villaronga demostra, ao cabo, que os efectos de que Comisión Cidadá está remexendo os lodos dan bos resultados. Porque difundir e dar a coñecer, promover actuacións para o coñecemento social da historia de Vilagarcía, tal e como se está demandando, é o primeiro paso. O segundo paso e un proxecto para a xestión do uso público e a incorporación dos bens culturais en estratexias de desenvolvemento local. Unha xestión cultural mediadora entre o patrimonio e a sociedade.

Pero dende logo, a estratexia non é dar as costas á sociedade (o patrimonio pertence e é produto da sociedade, antes e agora.), senón traballar con ela para facer comprensible o que foi o Vista Alegre, ou os castros que figuran no escudo da vila, e facer os restos atopados asimilables na súa relación co seu pasado e o seu medio presente.

A estratexia é o diálogo social e non a agresión dialéctica, a prepotencia erudita ou o desprezo, “un cóctel de sabor amargo y díficil digestión”.

E a mellor solución non é zanxar a cuestión tapando os restos, colocando unha “huella” para recordar o antigo trazado e esperar a que a marea non chegue de novo a vila. Porque a verdadeira “huella” non será a que quede sobre o novo pavimento, senón a que quede sobre cidadáns frustrados que xa non saben en quen confiar, e que conclúen que os asuntos de patrimonio, son cousas de políticos e de “profesionais da historia” que “rivalizan”.

A “pasarela” entre o pasado e o futuro é un “proxecto de humanización” que un grupo de cidadáns reclama a voces. E so iso serviría para que os visitantes, quizais os do 2645, poidan INTERPRETAR qué significado ten “una huella” sobre un pavimento” na rúa Arzobispo Andrade. Senón será simplemente unha liña sobre o cemento. Unha liña como as dos encefalogramas planos que saen en doctor House, pero que neste caso amosa a morte cerebral do pensamento plural e crítico.

1 comentario:

Manu Villaronga dijo...

Apreciada Bea:

Como sabrás, con posterioridad al “manifiesto” de la Comisión hice una réplica en la que ya dejé claro que nunca fue mi intención criticar a la comisión, sino, e insisto, a quienes hacen alarde de falta de rigor para aprovecharse de los que actúan de buena fe y de los que, haciendo populismo, se aprovechan de los unos y de los otros. Comprenderás que el primer encantando con que se haya despertado la conciencia ciudadana soy yo, después de tantos años predicando en el desierto. Por supuesto, en ningún caso pretendí hacer erudición prepotente y menos despreciar a nadie. Si hice la metáfora del cóctel del sabor amargo y la difícil digestión es, precisamente, por lo que comenté más arriba y por lo que está pasando ahora.

Por lo demás, y salvando esas pullas que me lanzas, estoy de acuerdo con todas y cada una de tus “claves”, que para nada son incompatibles con las mías. Mi intención fue siempre, con expliqué en la réplica a la comisión, ayudar a pensar con la cabeza, además de con el corazón.

Y con respecto a la reflexión, una más: evidentemente, con la propuesta de la “huella” iría pareja los medios de apoyo para su interpretación, pero no lo cité expresamente porque, pobre de mí, lo di por obvio. Al respecto, te recuerdo que hace unos años hicimos un notable esfuerzo por crear una ruta histórica, y ya ves como tratan los paneles que ayudan a “interpretar” ese patrimonio, esas huellas que aún hoy son visibles.

En fin, que te felicito por este blog y espero que encontrarte en nuevas batallas patrimoniales, que seguro que las habrá. Un saludo.

Manu Villaronga