
Xa a tardiña, nos Ballotes, namentres preparabamos o evento, pasou por alí Maruxa, veciña do Salgueiral. Pregunteille- cómo lle chaman a aquela pedra de alí abaixo?; Sorriu e contestou – O Encanto; E logo contounos de viva voz aquilo de “Ola de ouro, ola de prata, ola de veleno que mata”. Despois marchou en zapatillas como quen leva o vento.
O solpor foi fermoso, coma sempre. O sol deixounos polo Barbanza proxectando as últimas raiolas sobre as “pedras escritas”.
Sentámonos á espera da xente… non sabíamos que tanta.
Dixera en broma, que cun pouco de sorte, ademais de gravados, veríamos estrelas. Onte, 18 de agosto, a sorte quixo que cruzase o ceo dos Ballotes un deses bólidos brillantes que ultimamente sucan o ceo. Pasou por riba de nos en dirección norte, soltando sobre a Pedra do Encanto a súa estela luminosa. Din que dan boa sorte.
Debeu ser por iso, que a iso das dez trinta, a pesares das ameazas de mouros, máis de cen persoas e aínda algún vagalume, achegáronse onde as luces. Nunca pensara que tanta xente viría. Había xente de todas as idades, moitos rapaces e tamén nenos. Non con certa dificultade, puidemos ir amosando as principais figuras. A megafonía contribuía a que as explicacións chegaran a todos. A Felix e a Merino tocoulles a parte máis difícil, a de dirixir as luces e manexar os cables polo medio da xente. O interese e a boa disposición de todos axudou a subsanar as dificultades cun grupo tan numeroso.
Finalmente falamos tamén das lendas, aínda alguén contou algunha.

Penso que marcharon tranquilos, alomenos levaban unha receita contra encantos de mouras.
Nós estamos contentos pola resposta e ledos polo clima conseguido. Por ver tanta xente interesada en pasar unha “longa noite de pedras”.
As pedras sempre estiveron diante dos ollos. Pero o importante é o que “fica fora da vista”. So co pensamento, por unha noite, conseguimos erguer das pedras aqueles cervos, que recuperaron, por unha noite ,a súa presenza na paisaxe da marxe sur de Arousa, alí onde o Ulla se converte en ría.
Pensamos repetilo. Melloraremos na loxística e na organización. De momento, grazas a todos po vires e por poñelo fácil.
PODEDES ENVIAR AS VOSAS FOTOS A ESTA DIRECCIÓN:
pasadoreciclado@gmail.com

