martes, 10 de febrero de 2009

A memoria dos tesouros e os tesouros da memoria


A fins deste mes de Febreiro se celebra o III Encontro Arqueolóxico do Barbanza, do que podedes atopar información neste mesmo blog. Entre as interesantes conferencias programadas, Felipe Senén López, que fora director do Museo Arqueolóxico Castelo de San Antón da Coruña, vai impartir a titulada Arqueoloxía e mitoloxía dos tesouriños de Galicia: o exemplo de Leiro-Rianxo.
Para min é un tema de moito interés. Xa teño falado en varios foros do chamado casco ou cunca de Leiro (Rianxo), atopado o 7 de Abril de 1976 no Curruncho dos Porcos, un pequeno saínte rochoso inmediato ao mar, xunto á praia de Leiro (Rianxo, A Coruña, España). Unha porta semellante á que tedes á dereita oculta hoxe o lugar do achado.
A historia “oficial” consérvase nos expedientes do Museo Arqueolóxico da Coruña, xunto cos recortes da prensa da época como este do Ideal Gallego, ou artigos que saíron pouco tempo despois do achado. Pero si alguén ten ganas de pasar polo lugar de Rial, é posible que o señor J.Mª Vicente Somoza, aínda estea pola labor de recordar a historia. En Youtube podedes atopar a súa historia tamén. Eu o coñecín no 2003. Acompañoume ao Curruncho e escoitei a historia de viva voz. Despois viñan algunhas historias divertidas e tamén algunhas queixas.

É unha historia repetida. Pasoume o mesmo con Amalio Touceda, o home que descubriu o tesouro de Caldas, ao que coñecín en 1992, uns anos antes de morrer. Xunto coa súa muller, Lola, chegou a acompañarnos ás Silgadas e contounos toda a súa historia.
E así podemos atopar moitos exemplos de historias de xentes anónimas, que atoparon tesouros interceptados pola intelectualidade da época, que na suposta procura da súa salvagarda, foron comprados e pasaron a formar parte de coleccións particulares ou de fondos de museos. Logo de separar os obxectos de maior e menor valor, aqueles obxectos esteticamente máis relevantes acabaron expostos en vitrinas con escasa o nula información, mentres que os obxectos relacionados simplemente foron gardados nos fondos das coleccións.

Poden chegar a acadar unha certa repercusión fora, pero non no seu lugar de orixe, onde os achados pasa a converterse nun referente case mítico, como míticos son os museos onde están expostos. Non hai investigación a este respecto porque se considera que son achados descontextualizados dos que é moi difícil recuperar o contexto, e por tanto non aportan información. Así pois a arqueoloxía converteu o seu patrón de achado, a descontextualización, en algo que foi resultado dunha mala práctica no mundo contemporáneo, negando deste xeito a integración desta información, salvo escasas tentativas.

A historia recente ou a memoria do tesouro non se integra. Se considera unha curiosidade anecdótica sen interese científico. Pero as historias dos tesouros non só son importantes para arqueólogos especializados na Prehistoria, porque lonxe de ser unha fonte para o coñecemento do pasado máis alleo, resultan de por si unha sorprendente fonte de información sobre a nosa historia máis recente.
Por exemplo, a historia da descoberta da espectacular acumulación de ouro en As Silgadas (Caldas de Reis) en 1940, contada por Amalio Touceda e outras testemuñas, pon de manifesto, como ningún outro feito, as miserias da posguerra, a represión e a violencia exercida sobre un pobo indefenso e amedrentado, a emigración, o mercado negro do estraperlo, a cultura exercida pola elite dos intelectuais, etc, etc... Unha historia que merece estar nos bancos da memoria dun pobo. Unha historia que permanece acurrunchada na memoria, como un tesouro.
Se escasa é a investigación, a divulgación dos conxuntos é aínda peor, a pesares de que as veces estes “tesouros” son populares. A inadecuada estratexia expositiva, segundo noso punto de vista, converte os obxectos expostos en iconas estéticas, baleirando de contido a súa corporeidade. É significativo o escaso merchandaising dos museos galegos onde o único habitual son as postais das pezas gardadas nas salas dos tesouros sobre fondo escuro. Nembargantes, estas “escuridades” son aproveitadas para reenchelas de outros contidos e por tanto, son obxecto de manipulación e de discursos interesados. Algo que por certo, molesta bastante aos propios arqueólogos.

Como síntese poderíamos dicir que é esta forma de entender a arqueoloxía a que descontextualiza os obxectos e os converte en iconas polo seu valor estético e a súa incerta procedencia.

Podemos e debemos propoñer outra forma de facer arqueoloxía. Unha mirada diferente foi a que presentamos no recentemente celebrado Congreso Transfronteirizo de Arqueología en Montalegre, neste caso co paradigma do Tesouro da Urdiñeira (A Gudiña). E por outra banda, co miña colega portuguesa Lara Bacelar, vimos de propor na sesión Arqueologia dos Espaços Naturais, no ámbito do IV Congresso Nacional de Geomorfologia en Braga, un xeito de integrar a riqueza da información etnográfica sobre os tesouros na tradición oral galego-portuguesa, no establecemento de categorías de análise no caso dos estudios dos depósitos metálicos da idade do bronce.


Para rematar, unhas verbas de Ramón del Valle-Inclán, nas Memorias del Marqués de Bradomín, que nunha guía turística de Rianxo ou algo así, alguén elexiu para falar do casco de Leiro:
"...Era una resurreción de sensaciones, una esfumación deliciosa del pasado, algo etéreo, brillante, cubierto de polvo de oro, como esas reminiscencias que los sueños nos dan a veces de la vida..."



Outros post sobre o achado de Leiro e ourivería prehistórica en xeral:

2 comentarios:

Unknown dijo...

Ola Bea:

Paréceme moi interesante o teu post sobre ss tesouriños.Son colaborador do Galicia Hoxe onde escribo sobre atimonio os domingos nunha seción chamada De Lorean de bois.Estou a darlle voltas a un artigo sobre tesouro de Caldas e polo que dis tes información do achádego,se ti queres poderiamos poñernos en contacto.

Por certo,parabéns polo blog queacabo de descubrir e de seguido engado a favoritos

bea dijo...

Perdón pola tardanza en contestar. Quedou por aquí este post e nin me fixara que tiña un comentario.
beacomendador@hotmail.com
Cando queiras...

un saudo

bea