O colega e paisano Xosé Gago dedicou a súa sección De Lorean de Bois do suplemento Galicia Hoxe do xornal El Correo Gallego ao Tesouro de Caldas (Tesouros dos Mouros). Agradezo as verbas de alento para o blog A Pedra do Encanto.
Pero para min é sobre todo motivo de ledicia o seu recordo da figura de Amalio Touceda, finado en 1996, e que deixounos a testemuña da historia do achado das Silgadas, ou máis coñecido como Tesouro de Caldas, como un verdadeiro tesouro para a nosa memoria social.
Di Xosé que agarda que algún día alguén publique, polo seu alto valor testemuñal, a entrevista que lle fixéramos en 1992 pola iniciativa encomiable de Juan José Domato Castro, máis coñecido por Chicho Domato (e non Chicho Touceda como aparece por erro no seu artigo). Eu tamén espero que alguén teña a ben publicala (xa está transcrita), pero até o de agora non tivemos éxito no intento.
Xa no 1998 o Concello de Caldas publicara o libriño O Tesouro Desencantado, que xa hai anos que está esgotado. Tiña uns fermoso debuxos feitos para a ocasión por Juán Otero García (Eiravella). As cantidade de veces que teño fotocopiado textos do meu exemplar fala do enorme interese social que esperta a “memoria do tesouro”, sobre todo para os caldenses. (Un dos capítulos acabei por subilo a internet).
Na páxina de Fillos de Galicia atopei un día esta mensaxe de Argentina Pedrosa (que por certo é a que aparece na foto publicada no artigo, que non era familia de Amalio e de Lola, pero case):
“…Aunque hace ya treinta años que salimos de Galicia, nunca se me han olvidado las vacaciones que, junto a mis hermanos, pasabamos en Caldas de Reyes. El agua caliente, el rio, el olor de los dulces que una señora preparaba en la calle Real. Mi madre era una de tantas señoras que iban a tomar las aguas al balneario. Fuimos durante bastantes años , hospedándonos en casa de Amalio y Lola, con los cuales mantuve correspondencia hasta que la edad y la cabeza se lo permitió. El sr. Amalio fue el que descubrió el tesoro de caldas, no le gustaba hablar del tema, lo pasó muy mal según me han dicho otras personas, lo metieron en la carcel y creo que no lo superó nunca. Tanto el como su esposa eran unas personas increibles, muy dulces y cariñosos. Tenian una pensión y así como nosotros , que eramos fijos todos los años por San Pedro y San Pablo, me imagino que se hospedaban otras personas. Me gustaria saber si existe algo escrito sobre la historia de Amalio…”
Non entendo porqué non se da resposta a esta inquietude, nin dende as institucións locais, nin dende os museos ou a academia. Penso que facer investigación sobre os depósitos da Idade do Bronce é importante e ten as súas propias vías na produción científica. Pero penso que igual de importante é contar a historia recente ou a microhistoria, integrala, e aproveitar o “tirón” da popularidade para conseguir a pretendida interacción coa sociedade.
Eu nin sequera penso, como propón Xosé, que as pezas deban ser devoltas á vila de Caldas para á súa exposición porque forma parte do patrimonio local. Cando se publicou o libro no 1998 xurdiu esa polémica. Finalmente Eiravella e máis Domingo Reboreda (Dorelo) fixeran unha boa reprodución do Tesouro e preparamos un panel informativo (que non sei nin si se conserva hoxe) que foron colocados no Auditorio de Caldas de Reis.
O problema e que reproduciuse o tesouro, PERO TAMÉN reproduciuse unha estratexia expositiva DECIMONÓNICA. Todo xunto, no mesmo paquete. Hasta as pezas foran colocadas na mesma disposición que tiñan na cámara do Museo de Pontevedra. Penso que da igual que estea o orixinal ou a copia, sempre que a idea sexa colocalo tras un cristal. Da igual se o que vai mudar é estar sobre veludo negro en vez de sobre veludo vermello. Poder cambiar de lugar, pero non muda o discurso.
Hai moito tempo que veño defendendo a idea de que hai que saber “roubar” CONCEPTUALMENTE e non materialmente as pezas dos museos. O “butrón” ten que ser feito nas cabezas e non nas paredes (xa vedes que para ser arqueóloga son ben pouco fetichista). Eu ofreceríame voluntaria a facer unha exposición dun tesouro “SEN TESOURO”. Supoño que serían moitos os que quixeran, por exemplo, deixar gravadas nun buzón de voz, as historias e rumores que escoitaron sobre o tesouro. Ou habería moitos nenos aos que lles gustaría modelar en cera os prototipos dos vasos, para baleiralos en escaiola ou algo semellante e poder levalos para casa, despois de entender como se fixeron. E tamén penso que a algúns lles gustaría escoitar a testemuña do propio Amalio. Tantas cousas…
Unha notiña final. Este ano unha rapaza nova abriu unha tenda en Caldas chamada “O Pente de Ouro” na que vende produtos galegos e artesanía. Entre as latas de centolo e de percebe, di que “A xente pregunta polo nome e a mandamos ao Auditorio de Caldas, onde hai unha réplica”. Así que este debe de ser un dos principais puntos informativos sobre o patrimonio local, dado que esta información nin aparece, por certo, na web da vila “termal” de Caldas... onde ate os albariños levan o tesouro na etiqueta...e a Cultura está tan Quente...que pronto imos ir ver aos New York Dolls.
Eu ofrézome de guía para Sylvain, Sylvain...
A foto de Amalio Touceda e a súa dona, Dolores Fernández Besada está tomada do libro Lembranzas e Fotografías de Caldas de Reis. Concello de Caldas. 1997.
A foto do tesouro é a foto da disposición COÑECIDA dos obxectos atopados nas Silgadas, segundo Fermín Bouza Brey (Boletín de la Real Academia Gallega, 23. 1942).
---
---
*Unha aperta a Xosé Gago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario