miércoles, 29 de julio de 2009

Os Ballotes

En Decembro de 2008, hai xa máis de ano e medio, escribía no xornal unhas verbas sobre o conxunto de arte rupestre prehistórico do contorno de Vilagarcía de Arousa, comentando a súa fraxilidade e necesaria conservación. Hoxe veño a contar que nos últimos meses vivín con intensa expectación a actuación promovida polo concello de Vilagarcía nos petróglifos do Salgueiral e realizada con profesionalidade e entusiasmo por Iria, Elena e Alberto.


Nas primeiras visitas, tras a limpeza, vin xurdir na Pedra do Encanto ou Laxe Grande do Meadelo aqueles petróglifos que plasmara fai un século no seu debuxo Enrique Campo Sobrino. Todos, salvo aqueles mutilados ao longo do tempo a pesares do interese de intelectuais como Juan Fernández Gil y Casal no 1916 ou Fermín Bouza Brey en 1927. A pesares de todo, alí estaba a pedra coas súas cicatrices e aqueles motivos cargados de historias e lendas.

Co paso dos días, os traballos de roza e limpeza permitiron clarear o contorno do conxunto dos Ballotes. Baixo a vexetación e o escombro, comezaron a aflorar as pedras na paisaxe, e con elas os gravados. Moitos xa foran descritos por Bouza Brey no seu traballo sobre “unha estación de arte rupestre nas marxes da ría de Arousa”, do que a Universidade de Santiago conserva unha copia dedicada “con fonda devoción” a Castelao. Me lembro de un día de choiva en que Iria me amosou limpo o grupo 4 dos Ballotes. Da pedra mollada xurdía unha incrible representación dunha reata de animais, todos camiñando na mesma dirección.

Nas derradeiras visitas, a alegría e a sorpresa se combinaban xa cun enorme interese: novos gravados nunca documentados, novas rochas… os resultados non só non defraudaran as expectativas, senón que as superaban, amosando que o conxunto de arte rupestre de Os Ballotes-Meadelo é un dos máis importantes da ría de Arousa e de todo co contexto das Rías Baixas. Podemos polo en relación co conxunto localizado en Xiabre en 2007 ou con estacións xa coñecidas como A Laxe dos Bolos, ou outras na marxe norte da ría, especialmente na área de Rianxo. Unha manifestación singular cunha estilística propia, pero inserible no conxunto de arte rupestre prehistórico galaico, considerable sen dúbida, un dos conxuntos senlleiros no contexto da arte rupestre europea, tan merecedor da súa declaración como Patrimonio da Humanidade como a propia Torre de Hércules.

A intervención que ven de rematarse apenas permite intuír a riqueza do conxunto, que con seguridade, sería merecedor dunha actuación máis profunda. A simple retirada de escombros e terras de recheo cun control arqueolóxico no contorno das rochas permitiría recuperar moita información.

Pero ao interese científico dos petróglifos de Vilagarcía se une ademais o gran valor patrimonial do xacemento. Por iso a actuación debería ir máis aló.

En relación con isto, conto que ano próximo está prevista a inauguración do CIDAR ou Centro de Interpretación e Documentación da Arte Rupestre con sede en Campo Lameiro. Dende este centro se ofrecerá unha oferta de turismo cultural que incluirá outros puntos con arte rupestre nos que se fixeron actuacións de posta en valor, como os de Tourón en Ponte Caldelas, o recentemente inaugurado de A Caeira en Poio, ou o que está a desenvolverse xunto á praia de Mogor en Marín.

Parecería de sentido común que unha das cidades importantes do Eixo Atlántico pasara a formar parte desta rede de lugares visitables. A súa integración con outros elementos, como o Castro de Alobre ou o Monte Lobeira, incluiría ao contorno de Arousa na ruta de destinos cunha oferta turística alternativa pero complementaria á da exaltación gastronómica, por exemplo.

O seu acceso é inmellorable, pero no se trata de “atraer turistas” senón de coñecer e conservar este patrimonio. Por iso, se queremos ofrecer aos visitante unha opción dentro dun modelo de desenvolvemento sostible, é necesario adecuar a área dos petróglifos para a visita e ofrecer unha mínima información para a súa interpretación. Deseñar unha oferta de ocio intelixente integrada nun modelo de recuperación e valorización da paisaxe litoral da ría de Arousa e por suposto, da súa oferta gastronómica e do sector servizos en xeral. Porque ver petróglifos non quere dicir que non se poda comer ben ou beber un bo viño (que normalmente é o que apetece despois de camiñar).

Hai xa tempo que eu caín no “encanto” das pedras e das súas imaxes gravadas que resistiron o paso do tempo uns catro mil anos. Unha forma de comunicación propia de sociedades que non tiñan escritura e que viviron no pasado nas marxes de Arousa.

Non sei canto tempo resistirán o paso do tempo estas verbas escritas no contexto dunha sociedade de consumo rápido. Eu simplemente me conformo con que sirvan para que os arousáns valoren o que teñen e decidan en qué medida queren legalo ás xeracións que vivirán nas marxes de Arousa no futuro.



A NOVA NA PRENSA

2 comentarios:

Manolo de Turoqua dijo...

Xa é casualidade que hoxe, precisamente hoxe, publiques este artigo. Hoxe prestei declaración como perito xudicial na saa 2ª do Contencioso-Administrativo do Tibunal Superior de Xustiza de Galiza, no pleito que D. José Cochón Barreiro mantén coa Consellería de Cultura e Deporte, sobre a denegación de permiso de construcción dunha vivenda unifamiliar na parcela sita ao S. do petroglifo de Os Ballotes.
Non sei ben como cualificar a miña intervención. O caso é que só me permitiron contestar (sen sair un fio do guión) ás cuestións habilmente elaboradas e preparadas polo abogado do demandante [seica a xustiza é así]; e foi quen, ademais, de revirar o meu informe pericial do mes de Xuño, no seu proveito. Increible.
Pero o que mais me chamou a atención é que non tivo lugar unha vista (como eu supoñía), nin declarei ante un xuiz ou maxistrado (senón diante da secretaria xudicial), nen siquera estivo presente abogado algún por parte da consellería.
A historia ainda segue, pero o remate esta mais cerca.
Chámame moito a atención que estes traballos dos que falas estean promovidos pola Concellalía de Urbanismo do Concello de Vilagarcía, cando foi ela quen autorizou e deu licenza de obra para a construcción da vivenda unifamiliar. Mais ainda, foi o Concello de Vilagarcía quen firmou un convenio urbanístico co anterior propietaio da parcela onde se atopa o petroglifo de Os Ballotes, polo que o concello liberaba as cautelas urbanísticas do solar situado ao S. do petroglifo, a cambio da cesión dunha parcela duns 1000m2 na que se empraza a laxe principal (a que está cercada polo muro de pedra).
Semella que alguén está a lava-la cara ou, cando menos, xoga a dúas bandas.
Estou interesado no informe destes traballos. Non sei se está publicado ou é posible consultalo nalgures. Quizá poidas poñerme en contacto cos seus autores.
Unha aperta.

bea dijo...

A verdade é que é casualidade. Publiquei esta entrada porque os textos dos xornais me parecían pouco significativos da importancia do xacemento e tamén para indicar que a intervención está ben, pero non é suficiente.
Veñen de rematar non hai moito, polo que supoño que o informe estará a cocerse aínda. Nas novas dos xornais que enlazo están os datos do equipo responsable. cando queiras falamos.
Outra aperta Manolo