Xosé Gago publica no Galicia Hoxe con este título, un artigo sobre o tema dos bancos de Ravella, que seguimos de perto dende A Pedra do Encanto. Reproducimos parte do texto:
... a lectura que queremos sacar desta kafkiana historia dos Bancos de Ravella é positiva e dende logo, hai moito de positivo no acontecido. A historia, no fondo é a dunha sociedade civil que se mobilizou indignada ante un concelleiro, que ademais é arqueólogo e ten unha empresa de xestión de Patrimonio, pola destrución precisamente dun importante elemento da Historia local: Os Bancos de baldosa do Parque de Ravella.
O máis interesante deste conto é o final máis ou menos feliz. Digo máis ou menos porque os bancos foron destruídos, mais a sociedade acadou a dimisión do concelleiro e a rectificación do Concello que os volverá erguer onde estaban. A historia é alentadora e agardemos sirva de exemplo e referencia de que algo sempre se pode facer.
O conto, a xeito case de fábula, amosa unha vez máis que nin políticos nin arqueólogos, nin xestores de Patrimonio, poden facer nada de costas á sociedade nun intre no que todo o mundo ten voz e no que a blogosfera está a converterse nun importante medio de expresión e denuncia...
...o Patrimonio, os recordos están na xente, e a xente viu que os seus bancos corrían perigo. Os bancos nos que vían, por fin, chegar camiñando, entre a outoniza manta de follas secas, pola avenida de plátanos, á muller coa que se citaran e que chegaba a propósito media hora tarde. Os bancos nos que fumaran os seus primeiros pitillos para parecer maiores ou nos que simplemente conversaran con amigos ou sentaran por estaren cansos. Ao ver que ese escenario das súas vidas corría perigo, a xente recordou, poñéndoo deste xeito en valor, e ao recordar espertou e preguntouse "onde está Vilagarcía?"," Quen levou a miña vila?". Os expertos disfrazados de políticos...
Entradas neste blog ao respecto do tema:
Unha aposta cidadá polo futuro do pasado
No hay comentarios:
Publicar un comentario