En Decembro de 2008, hai xa máis de ano e medio, escribía no xornal unhas verbas sobre o conxunto de arte rupestre prehistórico do contorno de Vilagarcía de Arousa, comentando a súa fraxilidade e necesaria conservación. Hoxe veño a contar que nos últimos meses vivín con intensa expectación a actuación promovida polo concello de Vilagarcía nos petróglifos do Salgueiral e realizada con profesionalidade e entusiasmo por Iria, Elena e Alberto.
Nas primeiras visitas, tras a limpeza, vin xurdir na Pedra do Encanto ou Laxe Grande do Meadelo aqueles petróglifos que plasmara fai un século no seu debuxo Enrique Campo Sobrino. Todos, salvo aqueles mutilados ao longo do tempo a pesares do interese de intelectuais como Juan Fernández Gil y Casal no 1916 ou Fermín Bouza Brey en 1927. A pesares de todo, alí estaba a pedra coas súas cicatrices e aqueles motivos cargados de historias e lendas.
.jpg)
Nas derradeiras visitas, a alegría e a sorpresa se combinaban xa cun enorme interese: novos gravados nunca documentados, novas rochas… os resultados non só non defraudaran as expectativas, senón que as superaban, amosando que o conxunto de arte rupestre de Os Ballotes-Meadelo é un dos máis importantes da ría de Arousa e de todo co contexto das Rías Baixas. Podemos polo en relación co conxunto localizado en Xiabre en 2007 ou con estacións xa coñecidas como A Laxe dos Bolos, ou outras na marxe norte da ría, especialmente na área de Rianxo. Unha manifestación singular cunha estilística propia, pero inserible no conxunto de arte rupestre prehistórico galaico, considerable sen dúbida, un dos conxuntos senlleiros no contexto da arte rupestre europea, tan merecedor da súa declaración como Patrimonio da Humanidade como a propia Torre de Hércules.
A intervención que ven de rematarse apenas permite intuír a riqueza do conxunto, que con seguridade, sería merecedor dunha actuación máis profunda. A simple retirada de escombros e terras de recheo cun control arqueolóxico no contorno das rochas permitiría recuperar moita información.
Pero ao interese científico dos petróglifos de Vilagarcía se une ademais o gran valor patrimonial do xacemento. Por iso a actuación debería ir máis aló.
En relación con isto, conto que ano próximo está prevista a inauguración do CIDAR ou Centro de Interpretación e Documentación da Arte Rupestre con sede en Campo Lameiro. Dende este centro se ofrecerá unha oferta de turismo cultural que incluirá outros puntos con arte rupestre nos que se fixeron actuacións de posta en valor, como os de Tourón en Ponte Caldelas, o recentemente inaugurado de A Caeira en Poio, ou o que está a desenvolverse xunto á praia de Mogor en Marín.
Parecería de sentido común que unha das cidades importantes do Eixo Atlántico pasara a formar parte desta rede de lugares visitables. A súa integración con outros elementos, como o Castro de Alobre ou o Monte Lobeira, incluiría ao contorno de Arousa na ruta de destinos cunha oferta turística alternativa pero complementaria á da exaltación gastronómica, por exemplo.
O seu acceso é inmellorable, pero no se trata de “atraer turistas” senón de coñecer e conservar este patrimonio. Por iso, se queremos ofrecer aos visitante unha opción dentro dun modelo de desenvolvemento sostible, é necesario adecuar a área dos petróglifos para a visita e ofrecer unha mínima información para a súa interpretación. Deseñar unha oferta de ocio intelixente integrada nun modelo de recuperación e valorización da paisaxe litoral da ría de Arousa e por suposto, da súa oferta gastronómica e do sector servizos en xeral. Porque ver petróglifos non quere dicir que non se poda comer ben ou beber un bo viño (que normalmente é o que apetece despois de camiñar).
Hai xa tempo que eu caín no “encanto” das pedras e das súas imaxes gravadas que resistiron o paso do tempo uns catro mil anos. Unha forma de comunicación propia de sociedades que non tiñan escritura e que viviron no pasado nas marxes de Arousa.
Non sei canto tempo resistirán o paso do tempo estas verbas escritas no contexto dunha sociedade de consumo rápido. Eu simplemente me conformo con que sirvan para que os arousáns valoren o que teñen e decidan en qué medida queren legalo ás xeracións que vivirán nas marxes de Arousa no futuro.
A NOVA NA PRENSA
A actuación arqueolóxica nos Ballotes permite documentar quince rochas con petroglifos xeométricos e de figuras de diversos animais. (Novas do Concello de Vilagarcía)
A actuación arqueolóxica nos Ballotes permite documentar quince rochas con petroglifos xeométricos e de figuras de diversos animais (Xornal Galicia)
La historia que aún puede crecer (Faro de Vigo)
La variedad de los grabados hacen de Os Ballotes un referente rupestre (La Voz de Galicia)
DIRECCIONES WEB PARA VISITAR ARTE RUPESTRE
General http://www.patrimonio.org/catalogo/listado.php?categoria=001,002,004&lg=gal
Tourón http://www.patrimonio.org/catalogo/ben.php?id=5&lg=gal
Caeira http://www.patrimonio.org/catalogo/ben.php?id=175&lg=gal
Campo lameiro http://www.patrimonio.org/catalogo/ben.php?id=4&lg=gal
Mogor http://www.patrimonio.org/catalogo/ben.php?id=6&lg=gal
http://www.europreart.net/
http://www.prehistour.org/esp/proyecto.asp
http://www.rupestre.org/documents/00/es/home/content/inici.html