viernes, 25 de febrero de 2011

Cita no CITA

Boa parte das cidades europeas son resultado dun longo proceso de evolución histórica. Deste xeito se converten en espazos arqueolóxicos que precisan dunha xestión adecuada. Moitas veces, estes restos urbanos son tratados en intervencións puntuais, aínda que dende a profesión, se intenta traballar nun sentido más amplo e abranguer unha maior perspectiva.

O concepto de Patrimonio Arqueolóxico Urbano comeza a debaterse en España cara a 1980, con congresos como o de Arqueoloxía das cidades modernas superpostas ás antigas celebrado en 1985. Neste congresos se dan a coñecer os modelos doutros países europeos e se da pulo a políticas adecuadas e innovadoras. Tamén é tempo de ver os problemas do Patrimonio Histórico nas normativas urbanas, que teñen que ver entre outras cosas, coas leis, como a Ley de Patrimonio Histórico ou a Ley del Suelo.

Este é o caso de Pontevedra, que nos últimos anos ten feito un gran esforzo de recuperación, contextualización e difusión dos seu patrimonio arqueolóxico e histórico.

As escavacións na Ponte do Burgo, que deron como resultado a aparición de dous novos miliarios, os restos da ponte medieval do Burgo, o malecón portuario do século XV e os restos da muralla do século XVI entre outros aspectos, pronto serán obxecto de posta en valor tamén. Estas escavacións se fixeron cara ao público, e incluso foi instalada unha pasarela para poder ver os traballos que se estaban desenvolvendo, coa creación do denominado Museo Efémero, que estivo aberto incluso pola noite.

De suma importancia foron tamén as intervencións realizadas na contorna de Santa María, onde foron novamente atopados os restos das murallas, así como necrópoles semellantes á de San Bartolomé (na contorna do Teatro Principal) e Santo Domingo. Os estudos que está desenvolvendo Olalla López sobre estes restos antropolóxicos recuperados van permitir coñecer con máis detalle a vida da poboación do antigo burgo de Pontevedra na Idade Medieval e Moderna.


Finalmente, foron atopados os restos do foso e a barbacana da fortaleza das Torres Arcebispais, derrubada en 1873, onde o ano pasado foi inaugurado o Centro Interpretativo das Torres Arcebispais de Pontevedra (CITA) que o pasado xoves visitamos cos alumnos da Diplomatura de Mestre de Educación Primaria da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra (Universidade de Vigo).

Quero destacar a labor de planificación e integración das actuacións por parte do arqueólogo municipal, Xoan Carlos Castro Carrera, a quen felicitamos dende o blog polos resultados obtidos. Tamén aproveitamos para agradecerlle a súa amabilidade desinteresada para acompañarnos en estas e outras visitas, así como a súa sempre boa disposición para todo o relacionado coa difusión do patrimonio arqueolóxico e cultural.

Pontevedra é un exemplo claro de que os responsables dos conxuntos monumentais teñen que traballar coa axuda de plans de xestión: plans, políticas, procedementos, relacións con diversas institucións, conservación, restauración, actividades, difusión, marketing, servizos, seguridade, xestión económica, etc... todos son elementos importantes na "posta en valor", unha labor de grande complexidade pouco solucionable con precipitación e máis con diálogo, reflexión, traballo e planificación.

Agora que Vilagarcía está en plena polémica sobre a conservación dos restos da Pasarela de Vistalegre, animo a todos a dar unha volta por Pontevedra e visitar os seus restos musealizados.


Para a visitar o CIDAR:

Rúa Mestre Matero, 1

Tel: 986 090 677

Visita previa reserva

Luns a sábado: 10 a 14 e 16 a 19 h

Domingos e festivos: 10 a 14

Martes pechado



Ver Pontevedra en un mapa más grande

jueves, 24 de febrero de 2011

Resumo da intervencion no Monte Lobeira (por Elías López-Romero)



O obxectivo principal da actuación era lograr o máximo de información sobre o círculo e o seu contexto minimizando o grao de intervención. Para lograr estes obxectivos o proxecto acude, por unha banda, a métodos de análise que minimizan o carácter destrutivo da intervención (prospección xeofísica do subsolo, sondaxe arqueolóxica) e á realización dun estudo xeográfico e territorial da contorna (que se está a realizar). O traballo contou en todo momento coa colaboración activa daComunidade de Montes de András, propietaria dos terreos.

Partíamos da hipótese de que o círculo e as estruturas tumulares encóntranse vencelladas. A natureza de esta relación pode ser de dous tipos:

1. Unha relación de orde sincrónica. O círculo e os túmulos pertencen a un mesmo momento (entendido isto de xeito amplo dentro de procesos de longa duración).

2. Unha relación de orde diacrónica. O círculo e os túmulos pertencen a momentos claramente diferenciados en termos cronolóxicos e culturais, pero o seu vencellamento ten que ser explicado.

O emprego do gradiómetro planeouse como unha ferramenta de estudo non destrutivo da contorna dos xacementos analizados. A súa utilización demostrouse de gran utilidade para a localización de estruturas e anomalías. A gran vantaxe deste tipo de prospección é que permite analizar grandes superficies en moi pouco tempo, sen ningún tipo de intervención directa sobre o rexistro. Deste xeito, a súa aplicación neste xacemento xustificase polo seu alto potencial, pola súa adecuación ao tipo de conxunto analizado e polo seu baixo costo en termos de tempo e de persoal. (Foto 1, arriba, o camiño identificado na prospección xeofísica en proceso de escavación).

A escavación de dúas sondaxes arqueolóxicas planeouse para avaliar a natureza do círculo lítico, a súa relación estratigráfica coas estruturas tumulares e o grao de conservación dos niveis arqueolóxicos. Nesta liña, a sondaxe1emprazouse na zona máis próxima entre o círculo lítico e o túmulo I, integrando parte de ambos. A sondaxe 2 planeouse na área sureste do círculo, nun sector no que os bloques que o conforman parecían ben conservados.

Debido á ampliación en dous metros da sondaxe1 sobre a previsión inicial (8 x 1 m en lugar de 6 x 1 previsto) e á potencia dos sedimentos nela identificados, a sondaxe 2 non foi finalmente escavada, limitándonos a unha limpeza superficial da mesma


A prospección xeofísica do subsolo demostrouse de gran interese. Identificouse unha anomalía lineal situada entre o círculo e o túmulo I que pode ser interpretada cun antigo camiño rural secundario

A escavación da sondaxe1 permitiu verificar que a estrutura do círculo lítico é moi superficial. Éste apoia directamente sobre un dos niveis superiores da sondaxe (UE004). Este apoio é por demais bastante simple, sen fosa de cimentación ni elementos adicionais de calce dos bloques.

Por estas características, e á espera de poder realizar as analíticas correspondentes ás mostras recollidas, parece plausible que o círculo lítico fora construído nunha época relativamente recente. A relación estratigráfica co túmulo máis próximo (cun momento de uso situado por baixo dos niveis sobre os que se asenta o círculo) parece en principio descartar a súa cronoloxía prehistórica.

Elías López-Romero Doctor contratado JAE-Doc Laboratorio de Patrimonio - CSIC

Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento(IEGPS-CSIC)

www.iegps.csic.es/lapa

Arriba. Unidades estratigráficas identificadas.

Abaixo. A sondaxe ó final de la escavación

viernes, 18 de febrero de 2011

Por un proxecto de humanización (ou de como só o home tropeza dúas veces nas mesmas pedras)

Algúns arqueólogos dicimos que as veces a xente non atopa ás cousas, senón que as cousas atopan á xente, e que o presente non atopa o pasado, senón que o pasado atopa o presente. Este é claramente o caso da pasarela de Vistalegre, que dende que asomou de súpeto no estómago roto dos recheos da rúa Arcebispo Andrade, fuxiu e ameaza polas rúas, como o novo “Alien” da vida social arousana.

O asunto, do que nos fixemos eco neste blogue, foi crecendo e tomando vida propia, retroalimentado polo chamado “affair dos bancos Ravella”, e que visto dende fora podía quedar simplemente en “o affair de Ravella”, xa que os bancos eran o de menos no caldo que se cocía no concello.

Na última semana, a aparición nun xornal dun artigo asinado por Manuel Villaronga, un coñecido historiador vilagarcián e xefe do gabinete de comuniciación do concello de Vilagarcía, provocou a aparición dun novo manifesto da Comisión Cidadá para a Defensa do Patrimonio, no que xa ten visos de converterse nun enfrontamento aberto.

Lido o manifesto e parafraseando as verbas escritas por Villaronga, aquí van as miñas “diez claves históricas y una reflexión para entender este sinsentido”.

Un. Neste mesmo xornal lía nun artigo hai uns días: “No todo lo que guardan las entrañas de la tierra tiene valor arqueológico o histórico”. Penso que hai unha confusión patente co tema do valor arqueolóxico e histórico, que estes restos teñen e terán sempre, cubertos ou á vista. O seu valor arqueolóxico é indiscutible e indiscutido, e non radica na súa maior ou menor antigüidade ou beleza. Até o lixo e os escombros teñen valor arqueolóxico, como todo o humano. Por tanto sexan do XVI, do XVIII, ou de hoxe mesmo, teñen valor como testemuña, xa que son fontes primarias de información histórica e susceptibles de ser estudadas con metodoloxía arqueolóxica.

Dous. Normalmente hai que traballar polo re-coñecemento social do valor do patrimonio arqueolóxico (que forma parte do patrimonio histórico e cultural), pola sensibilización sobre a súa fraxilidade e a responsabilidade en legalo ás xeracións futuras.

Tres. “Posta en valor” é un xiro lingüístico (e galicismo) que campa pola terminoloxía do patrimonio cultural xa hai tempo. Implica unha dobre tarefa de accesibilidade e uso e goce do patrimonio por parte da sociedade, e tamén unha parte fundamental de transferencia de coñecemento. Neste caso se destaca o “valor patrimonial” no actual contexto sociocultural.

Catro. A iniciativa cidadá semella basear a súa proposta de valorización no concepto de presentación, procurando unha solución para integrar os restos no espazo urbano. Propoñen facer os restos visibles mediante un vidro, un tipo de intervención que coñecemos co nome de “ventá arqueolóxica”. De momento descoñecemos os pormenores xa que nos medios se fala en abstracto, sen que sexa posible atopar nin unha foto boa dos restos, nin un informe técnico, nin unha proposta concreta nun proxecto. Tamén de xeito xeral podemos dicir que en Galicia estas actuacións ao ar libre teñen inconvenientes, non sendo o caso un dos lugares máis viables dende o punto de vista técnico para este tipo de actuación (estes días aportan exemplos “de interior”, como o dunha necrópole no interior dunha igrexa), ao que hai que engadir tamén o problema do vandalismo, do que en Vilagarcía xa temos algún exemplo. Tamén en abstracto a prensa recolle argumentos en contra, principalmente os problemas técnicos e o “valor económico” que suporía.

Cinco. Presentar un resto arquitectónico iluminado tras un vidro non basta para valorizalo. No caso da pasarela, segundo deduzo dos xornais, se conserva so parte dunha das paredes da pasarela, pero non o piso orixinal, polo que o que van ver dende esa ventá non será entendido sen interpretación, e menos polos turistas dos que algúns falan. Penso que é dubidoso que unha ventá con restos de esta entidade poidan constituír un atractivo de dinamización para o comercio de Vilagarcía ou para a potenciación turística. Queda claro que para min non “visibiliza” socialmente a pasarela o poñela nunha ventá arqueolóxica sen máis. PERO hai outras opcións e alternativas, e de escoller esta, debe ir acompañada de outras, no marco dun proxecto integral, e non nunha actuación puntual.

Seis. Non todo o que se atopa no día a día da arqueoloxía urbana se deixa a vista ou se exhibe. Tampouco é cousa de “facer unhas fotos e tapar”. Do que se trata é de documentalo e preservalo, habendo outros xeitos alternativos de “visibilizar” socialmente a información que aportan os restos no seu contexto.

Sete. Salvo que aconteza un accidente, as catas arqueolóxicas non rematan nin ben nin mal. As catas son negativas ou positivas, e de ambos xeitos aportan información arqueolóxica. E non se abren catas arqueolóxicas para atopar cousas concretas, senón para “catar” o que hai, e iso pode ter relación co que está nos documentos escritos ou non.

Oito. Lonxe do que traduce o artigo de Villaronga, el “inusitado interés por la conservación del patrimonio local” supón un valiosísimo cambio de actitude nos valores dos cidadáns vilagarciáns con respecto ao seu patrimonio cultural. A Comisión Cidadá pola Defensa do Patrimonio sinala crearse co fin de recuperar e por en valor “os poucos vestixios que quedan do noso patrimonio social, emocional e histórico da nosa Vila”. Un punto de partida. 1554 sinaturas que promoven unha acción de “visibilización” do patrimonio cultural duns restos materiais atopados nun proxecto urbanístico que se deu en chamar “Proxecto de humanización do entorno do río do Con”. Xente do pobo comprometida con conseguir unha xestión que coide da súa herdanza cultural e que mire por facer do patrimonio cultural un factor máis de desenvolvemento social e económico. Xente que destaca os diversos valores que se poden adxudicar ao patrimonio: o valor de uso, o valor simbólico, o valor emotivo e social, e por último, o nada desbotable valor educativo. A conciencia de que o patrimonio é de todos (non só das administracións e dos políticos), de que é fráxil e de que hai que legalo as xeracións futuras, aínda que para iso haxa que mobilizarse e pórse de acordo. Valores que discorren polas redes, enchen as conversacións e inundan de novo Vilagarcía… mentres o “formigón avanza sen piedade” dicían hai uns días no facebook. Dende logo este é o máis valioso proxecto de humanización xurdido dos lodos do Con.

Nove. Vilagarcía é un dos enclaves importantes do chamado Eixe Atlántico do Noroeste Peninsular a menos de 50 km de Santiago de Compostela. Ten un magnífico conxunto de arte rupestre prehistórico, pero non está valorizado nin incluído na Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA). Campo Lameiro, onde pronto se inaugurará o Centro de Interpretación de Arte Rupestre, será a cabeza dunha rede de áreas arqueolóxicas a visitar, como Tourón (Ponte Caldelas), Mogor (Marín), A Caeira (Pontevedra). Incribelmente Vilagarcía está ao marxe deste conxunto. O Castro de Alobre adoece do abandono, a pesares dos esforzos e investimentos feitos nos últimos anos. Castro Landín en Cuntis representa un exemplo de posta en valor dun castro e un modelo de autoxestión. E xa por rematar, a pesares de que Vilagacía ten un centro de interpretación da Ría de Arousa (CIRA) integrado na Rede de Turismo Cultural Galaico Portuguesa, segue sen contar cun digno centro de interpretación do seu patrimonio cultural, un simple punto informativo (e non me refiro a unha oficina de turismo) que centralice diferentes actuacións como poderían ser o deseño e adecuación de rutas, obradoiros educativos, visitas comentadas… en definitiva, un conxunto de actividades destinadas a dar a coñecer, valorar e facilitar o acceso á oferta cultural.

Dez. Como di o autor do artigo no xornal, en 1991 “la comisión no estaba, ni se le esperaba”. Vinte anos despois, os acontecementos amosan un cambio, e este cambio unha demanda social clara.

E aquí vai a miña reflexión. “Lo lógico, lo correcto, lo sensato” é dirixir as críticas en contra dos inimigos reais da conservación do patrimonio, que son a especulación urbanística, os intereses creados, o escurantismo na xestión e a desinformación, e NON en contra das comisións cidadás.

O interesante contido do artigo publicado por Villaronga demostra, ao cabo, que os efectos de que Comisión Cidadá está remexendo os lodos dan bos resultados. Porque difundir e dar a coñecer, promover actuacións para o coñecemento social da historia de Vilagarcía, tal e como se está demandando, é o primeiro paso. O segundo paso e un proxecto para a xestión do uso público e a incorporación dos bens culturais en estratexias de desenvolvemento local. Unha xestión cultural mediadora entre o patrimonio e a sociedade.

Pero dende logo, a estratexia non é dar as costas á sociedade (o patrimonio pertence e é produto da sociedade, antes e agora.), senón traballar con ela para facer comprensible o que foi o Vista Alegre, ou os castros que figuran no escudo da vila, e facer os restos atopados asimilables na súa relación co seu pasado e o seu medio presente.

A estratexia é o diálogo social e non a agresión dialéctica, a prepotencia erudita ou o desprezo, “un cóctel de sabor amargo y díficil digestión”.

E a mellor solución non é zanxar a cuestión tapando os restos, colocando unha “huella” para recordar o antigo trazado e esperar a que a marea non chegue de novo a vila. Porque a verdadeira “huella” non será a que quede sobre o novo pavimento, senón a que quede sobre cidadáns frustrados que xa non saben en quen confiar, e que conclúen que os asuntos de patrimonio, son cousas de políticos e de “profesionais da historia” que “rivalizan”.

A “pasarela” entre o pasado e o futuro é un “proxecto de humanización” que un grupo de cidadáns reclama a voces. E so iso serviría para que os visitantes, quizais os do 2645, poidan INTERPRETAR qué significado ten “una huella” sobre un pavimento” na rúa Arzobispo Andrade. Senón será simplemente unha liña sobre o cemento. Unha liña como as dos encefalogramas planos que saen en doctor House, pero que neste caso amosa a morte cerebral do pensamento plural e crítico.