

Do Monte Lobeira á Pedra do Encanto hai unha mina de sete reinados...




Co paso dos días, os traballos de roza e limpeza permitiron clarear o contorno do conxunto dos Ballotes. Baixo a vexetación e o escombro, comezaron a aflorar as pedras na paisaxe, e con elas os gravados. Moitos xa foran descritos por Bouza Brey no seu traballo sobre “unha estación de arte rupestre nas marxes da ría de Arousa”, do que a Universidade de Santiago conserva unha copia dedicada “con fonda devoción” a Castelao. Me lembro de un día de choiva en que Iria me amosou limpo o grupo 4 dos Ballotes. Da pedra mollada xurdía unha incrible representación dunha reata de animais, todos camiñando na mesma dirección.
deterioro ao longo do último século.
Posteriorente, no fundamental traballo publicado por Fermín Bouza Brey en 1927, Unha estación de arte rupestre nas marxes da ría de Arousa, atopamos múltiples debuxos e fotografías, así como indicacións de petroglifos que posiblemente estean xa perdidos para sempre. (No debuxo podedes comparar o seu calco co anterior). Fala de varios petroglifos ao sureste desta pedra, máis ou menos por onde hoxe hai edificacións.
Ramón Sobrino Buhigas o xenial investigador curmán de Enrique Campos, escribiu o primeiro corpus sobre a arte rupestre galega Corpus Petroglyphorum Gallaecia editado en 1935 polo Seminario de Estudos Galegos. Alí tamén hai calcos da pedra do Encanto.
(Nunha nota erudita corríxenme esta entrada. Certamente, e de xeito lóxico pola data, a nota que eu refería de seguido a Ramón Sobrino Buhigas é do seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. De feito, coas presas, esquecín citar a fonte da cita, que é un traballo de Angel Núñez Sobrino dispoñible en pdf . Sorry polo lapsus e graciñas ao meu colega erudito, que xa vexo que ten a ben ler de cando en vez este blog)
O seu fillo, Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, nunha nota de 3 de Junio de 1951 di:
“Voy a Ballotes y Meadelo a la tarde. El zapatero que vive y trabaja frente a la 2ª piedra me facilita cepillos, sosa y calderos de agua. Se limpia la peña, se lava y en vista de lo bien que se ven los motivos, saco fotografías. Hay más de lo que vio Enrique Campo y Bouza-Brey. Ambas se complementan, pero el último fantaseó con sus ídolos”.
Posteriores investigadores se achegaron a esta pedra para facer os seus novos calcos, pero a pedra xa estaba partida en dous e xa se perdera parte do seu contido e do seu contexto.
Os calcos que están a facerse nos permitirán coñecelos mellor e tamén avaliar o seu estado de conservación. É certo que hoxe en día podemos ter medios máis sofisticados para rexistrar os gravados, pero as condicións de visibilidade nas que foron feitos aqueles primeiros calcos pode que foran mellores, porque a acción do home sobre o medio non era tan patente. Por eso son documentos tan valiosos para amosar non só o deterioro dos gravados, senón da propia paisaxe na que se insertan, unha paixase que forma parte da súa esencia.
Para o próximo post, encaramos o conxunto dos Ballotes e os seus múltiples rexistros.
Iria e máis Elena, encargadas dos traballos, nos envían dúas fotos do proceso de rexistro e elaboración dos calcos. Na primeira pode verse un zoomorfo, posiblemente un cervo.
Na de máis abaixo poden verse diferentes combinacións de círculos concéntricos con coviñas no seu interior.
Así están hoxe, e así estaban nos anos noventa, como podedes ver nunha foto (en branco e negro) dos mesmos motivos de cando se fixera a catalogación dos xacementos arqueolóxicos de Vilagarcía.
Ainda máis abaixo vedes outra foto dunha serie de motivos que daquela podían verse doutro lado camiño. Hoxe xa non poden verse porque foron destruídos nos últimos vinte anos.
Un arte efémero que permaneceu na rocha máis de catro mil anos, para desaparecer en tan curto prazo.
Esperemos que esta acción do concello de Vilagarcía sexa o primeiro paso na posta en valor que este conxunto de arte rupestre precisa.