lunes, 28 de julio de 2008

San Antoniño do Pousadoiro

A estrada que comunica Vilagarcía de Arousa e Caldas polo alto do Pousadoiro está a requerir unha obra de millora a fondo, xa que actualmente é un tramo con alta siniestralidade. Semella que hai algúns compromisos adquiridos, pero coma sempre, é pena que teñan que ocurrir desgrazas para que se poñan a arranxar as cousas.


A estrada vella era unha estrada enchida de curvas, con algúns tramos adoquinados. O seu trazado segue a vía natural de paso entre Vilagarcía e o val do Umia. Á subida é acusada ate chegar ó cordal onde se atopa o Castro da Xaiba ou Gaiba, para despoís descender. É a formación xeográfica que coñecemos co nome de "portela". Neste rechán era onde se tomaban folgos na subida antes de iniciar o descenso. De ahí posiblemente o nome de Pousadoiro.


Neste lugar se atopaba un pazo ou casa cunha capela dedicada a San Antoniño, na parroquia de Cea.


Aquí vos deixo un par de fotos aproximadamente dos anos 50. Os edificios que vedes se atópan agora nunha "illa" no medio do polígono industrial. Todas agás o cruceiro, que non sei onde foi dar.


Contaba meu pai que as curvas que baixaban a Caldas eran coñecidas co nome de curvas de Matamulleres, aínda que non conseguí nunca saber de onde viña este topónimo.



Tamén referido a este lugar había este cantar:



O pino do Pousadoiro, ten a folla revirada,

que lla revirou o vento, unha mañán de xiada...

Fotografías de Carlos Comendador Peña.

lunes, 21 de julio de 2008

A Moura da Coca


"...A Laxe é un barrio vello e de antigas tradicións e, polo mesmo, gardián de moitas lendas. Unha das quetemos recollidas aquí é a do saco de ouro. Pero deixemos que nesta ocasión, sexa a miña informante, Aurea, a que nos relate a historia. A fonte á que se refire é a Coca, situada entre a Laxe e a Florida.

E conta Aurea:

Nesta fonte pasaron moitas cousas, había moitas aparicións. Aquel día ía o tio do meu avó á Feira do Vintecinco, alí a Carril. E para chegar canto antes saíu cedo da casa. Inda era de noite. E ao chegar á Coca encontrouse encima da fonte unha chavala rubia, de melena moi longa e que estaba gardando unhas galiñas. A chavala preguntoulle ao tío do meu avó, que se chamaba Pablo, que para onde ía, e el contestoulle que para a Feira do Vintecinco. E a chavala díxolle: pois si vas alá, tráeme un tarabelo de carballo, porque estas galiñas sempre están a escapar e, como non teño tarabelo no cortello, non dou conta delas. Pero tráemo escondido, que non lle dea o sol, senón non cho quero.
E o fulano díxolle: Bueno ¿e que gano eu con iso? Pois douche cen pezas de ouro.

E o parente do meu avó foise para a feira, pero sen crer en nada. E ao estar no Vintecinco viu a un destes quefacían zocos e pediulle un cachiño de madeira, que ben podía servir de tarabelo. E meteuno no bolso. E ao chegar á Coca xa e volta, topou coa fulana, que aínda estaba alí coas galiñas.

E preguntoulle ela: ¿Trouxéchesme o tarabelo?
Trouxen. E doullo.
E a fulana meteuse nun burtao que había na fonte e ao pouco rato saíu cun saco cheo de ouro.
E o outro asustado, díxolle: ¿É para min? Si, é todo para ti. Pero cunha condición: Que non mires ata chegar a túa casa. Bueeeeno...
O fulano cargou co saco, pasou o río e despois de andar un pouco xa non aguantou máis e abriu o saco para contar canto ouro tiña. Pero cando mirou dentro, o único que atopou foron carbóns como aqueles que había na vía do tren. E entón empezou a berrar: ¡O meu ouro, o meu ouro! E o meu ouro todo se fixera carbón, por idiota, que si non o mirara eramos agora todos ricos... E por iso a finca onde lle aconteceu iso, o conto ese, aínda se chama O Ouro, que está alí fronte ao lavadoiro, ao lado da Maroma ¿Non sabes?..."

Extracto do libro FESTAS, LENDAS E TRADICIÓNS DO CONCELLO DE VILAGARCÍA de Carlos Rei Cebral, o meu curmán Xandrolas.
Na foto, o peite do tesouro das Silgadas (Caldas).
.

sábado, 12 de julio de 2008

Visitar os lombos do Ulla


Hai anos, un político candidato a alcalde de Vilagarcía fora entrevistado na radio local. Farto de escoitar promesas, o periodista preguntou cándo pensaban asfaltar o camiño do carro. Rápidamente o candidato respondeu que xa estaba todo previsto para comezar as obras, ante as gargalladas de todo o pobo de Carril, que ben sabían o que era o tal camiño.

Agora, nunha iniciativa única, a asociación de mariscadoras de Carril oferta unha ruta que parte da praia de Bamio para ir camiñando ata Cortegada pasando polos lombos do Ulla. Dúas mariscadoras exercen a labor de guías é explicarán todo o relativo ó seu traballo. Custa 6 euros (nenos gratis) por persona e dura unhas dúas horas.
Pensado especialmente para os turistas, esta experiencia pode ser interesante para os veciños de Arousa.

Vai e descubre que é o que en Carril chaman o camiño do carro antes que outro político local decida asfaltalo.


Fotografía de Carlos Comendador. Anos 50.
As xentes do Ulla están apegadas ó río. Están fora, pero están dentro, case sen sabelo.

viernes, 11 de julio de 2008

Sobre os petroglifos de Vilagarcía

En Vilagarcía toda a xente mira estes días para o cume do Xiabre. Deben andar a mirar se entra en erupción por moitas cuestións: os incendios, a auga, os aeroxeneradores, as canteiras, os viais.... Todo un conxunto de intereses semellan darse cita na cima. E agora por riba, aparece un importante conxunto de petróglifos.
Un petróglifo é calquera tipo de gravado feito na rocha. Non ten por que ser prehistórico. Coñecemos, por exemplo, marcas de termo que delimitaban as parroquias, ou gravados asociados a xacementos medievais como a fortaleza de Lobeira, que representan taboleiros de xogo do tipo pai, fillo, nai ou tres en raia.
Pero dentro dos diversos tipos de gravados na rocha que podemos atopar, ademais hai gravados prehistóricos, que non son manifestacións illadas e sen coherencia entre elas, senón que no caso de Galicia conforman un extraordinario conxunto denominado grupo galaico de arte rupestre dentro do contexto das manifestacións da arte rupestre atlántica comúns a outros países como Irlanda, Reino Unido, etc... Estes gravados son testemuña das poboacións que habitaron, neste caso, o entorno da ría de Arousa por volta duns cinco a uns catro mil anos.
A investigación sobre a arte rupestre conta cunha tradición longa en Galicia e algunhas das estacións de Vilagarcía figuran entre as primeiras atopadas e documentadas. Este é o caso do conxunto de petróglifos de O Meadelo e Os Ballotes (O Salgueiral, San Xinés de Bamio), visitados a principios de século por investigadores ilustres como o alemán Hugo Obermaier ou citados polo pontevedrés Celso García de la Riega. A pedra coñecida como Laxe do Meadelo ou A Pedra do Encanto, foi descuberta polo artista Enrique Campo Sobrino, a quen debemos o primeiro debuxo que dela temos, presentado na Exposición de Santiago de Compostela de 1909.
Eruditos locais como o vilagarcián correspondente da Real Academia Galega Juan Fernández Gil y Casal, fixeron e publicaron os primeiros estudos defendendo daquela que eran a proba de presenza grega nas costas galegas (1916).
Un novo pulo vaino constituír a presenza dunha das figuras máis importantes da arqueoloxía e etnografía galega como foi Fermín Bouza Brey, que publica o primeiro estudo sistemático deste conxunto no ano 1927 e dá a coñecer o petróglifo de Meán (Bouza da Torre). Os seus traballos van recoller tamén toda a rica tradición oral asociada a estes conxuntos. Lendas de mouros, de serpes e de tesouros míticos que se contaban como aquela que dicía «do Monte Lobeira, á Pedra do Encanto, hai unha mina de sete reinados; sete de ouro, sete de prata, sete de veleno que mata».
Xa nos anos 60, foran visitados tamén polo investigador italiano Emmanuel Annati fundador e director do Centro Camuno de Estudos Prehistóricos. A pronta publicación e documentación destes petróglifos permite comprobar o forte deterioro que sufriron nestes últimos cen anos da súa longa existencia. Significativo é o caso da Pedra do Encanto que foi mutilada ao construír a estrada a Catoira.
En 1927, hai 80 anos, Fermín Bouza Brey Trillo escribira de Vilagarcía: «Una localidad que ofrece un notable conjunto de figuras de variada especie y cuyo estudio hácese necesario, por estar amenazada de una próxima destrucción a causa del punible abandono en que se dejan todos estos monumentos. El principal elemento destructor lo constituyen los canteros, que arrancando piedras para construcciones vecinas, las han atacado en varias ocasiones. Actualmente están en explotación varias lajas del agrupamiento de los Ballotes a pocos centímetros de las insculturas. Esperamos de las autoridades locales y especialmente del alcalde-presidente del Ayuntamiento de Vilagarcía, nuestro amigo D. Enrique Lafuente, cuyo celo por la cultura es grande, la adopción de medidas que eviten tal atentado...».
Hai un par de semanas parei no Salgueiral. A Pedra do Encanto segue partida e solitaria a carón da antiga estrada a Catoira. O conxunto central dos Ballotes segue pechado nun recinto con cancela que máis que protexelo, contribúe a destruílo. Outros xa non os puiden ver ou ben porque tiñan un can atado encima, ou o pau central dun tendal da roupa. Semella que os gravados dispersos doutro lado da estrada, quedaron para sempre destruídos na construción duns novos chalés. Polo demais, bastante lixo e pouca información.

Nova reollida de http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2007/12/28/0003_6436463.htm

A Pedra do Encanto

Xa tíñamos ganas de iniciar este viaxe dende a Pedra do Encanto.

Pero...¿Qué é a Pedra do Encanto?

A Pedra do Encanto ou Gran Laxe de Meadelo é o nome dunha rocha enchida de petróglifos ubicada no Salgueiral (Bamio, Vilagarcía de Arousa). Recollida na historiografía erudita dende principios de século, por autores como Obermaier ou Fermín Bouza Brey, nunca foi totalmente esquecida. A cantidade de lendas fixadas na memoria oral alusivas a esta pedra, falan da importancia desta pedra paixase mítica do lugar. Lendas como:

Do Monte Lobeira á Pedra do Encanto,
hai unha mina de sete reinados,
sete de ouro, sete de prata,
sete de veleno que mata.

Xa a principios de século, cando a construcción da estrada a Catoira, a pedra foi partida, a pesares do interés dalgúns eruditos da época. E así segue case cen anos despois, partida ó carón da estrada.

Este blog nace con fin de iniciar unha viaxe dende a Pedra do Encanto, por eso esta entrada é a primeira. Unha viaxe que nos levará polos túneles da memoria, da historia, da arqueoloxía e da antropoloxía.


Convidámovos a unirvos a esta viaxe para atopar o tesouro que acocha a Pedra do Encanto.