Debemos ter en conta que no longo período ó que estámonos a referir, producíronse grandes variacións climáticas, e por tanto da paisaxe e das condicións de vida. Nos períodos de clima frío, a temperatura baixaría, e con ela o nivel de neves perpetuas, e o propio nivel do mar, polo que incluso se pensa que na última glaciación as Rías Baixas puideron chegar a estar secas, convertidas en vales fluviais (Vázquez Varela, 1992: 10). Pola contra, nos episodios de clima benigno, daríanse as condicións opostas, expandíndose as especies arbóreas, e subindo o nivel do mar. De feito, algúns paisaxes de dunas da Ría de Arousa aos que estamos afeitos, responden a procesos desenvolvidos durante o Holoceno e non teñen unha antigüidade superior ós 3000 anos. Así o demostran estudos parellos realizados por exemplo, na ría de Vigo (Martínez e Costa, 1998), ou o xacemento costeiro no Illote de Guidoiro Areoso (Illa de Arousa), cunha antigüidade duns 4000 anos, onde os materiais e as estruturas aparecen nun paleosolo actualmente selado por unha formación de dunas, e que continúa por baixo do actual nivel do mar (Rey García, 1995). Se consideran formacións recentes as terrazas e aluvións de ríos como o Umia ou a zona litoral dende A Lanzada ata Vilagarcía, explotados de forma continua ou intermitente, proporcionando un gran volume de areas e gravas de grande interese económico na rexión, datados no Plistoceno por correlación cós terrazas do Norte de Portugal (I.G.M.E. 1985: 36).
Nesta paisaxe dinámica, tamén déronse cambios na fauna, e sabemos polas investigacións desenvolvidas que hai uns 30.000 anos, podíanse atopar na provincia de Lugo rinocerontes, hienas e grandes bóvidos, entre outros (Llana, 1998: 8). Aos achados xa coñecidos como os da Cova da Valiña (Castroverde), veñen a engadirse os realizados nos últimos anos en Cova Eirós (Triacastela), ou Valdávara II (Becerreá).
Aparte dos xacementos, caseque toda-la información procede de achados illados de útiles feitos en pedra, especialmente sobre seixos, dado que as características climáticas e edafolóxicas do país non permiten a conservación dos restos orgánicos. Estas evidencias en Galicia, atópanse de xeito relativamente abondoso, na zona costeira e nas ribeiras dos grandes ríos e os seus afluentes. Na provincia de Pontevedra, a meirande parte de achados corresponde o val inferior do río Miño e se estende ó longo da costa atlántica ata a praia das Sinas en Vilanova, e Caldas de Reis no interior. Tamén constátase a presenza de achados nas illas, como Cies e Ons (Filgueira y García, 1975: 61).
Na zona de Vilagarcía atopamos referencias espalladas sobre a presenza de "pezas paleolíticas (bifaces)", aínda que sen localización precisa (Filgueira e García Alén, 1975: 87). Os bifaces son un dos obxectos líticos tallados máis característicos do Paleolítico Inferior, concretamente da fase denominada "Achelense". Eran útiles plurifuncionais, xa que con eles realizaríanse moitas actividades, como cortar, rachar, etc....unha especie de machados ou coitelos primitivos.
En 1974, Vázquez e Díaz fan unha síntese sobre os xacementos paleolíticos galegos coñecidos, recollendo Carril e Vilagarcía como puntos do Paleolítico Inferior. O investigador Sobrino Lorenzo Ruza, tiña atopado bifaces nas inmediacións de Vilagarcía de Arousa, aínda que non se coñecía descrición ou información gráfica de tales pezas. Na Historia de Cuevillas (1951: 20, fig. 7) (DEBUXO) recóllese un debuxo dun bifaz atopado en Carril, segundo Bouza Brey e A. Blázquez.
As referencias illadas sobre a existencia de bifaces en Vilagarcía, foron confirmadas por un achado feito no ano 1993. Un achado que veu co fútbol...
Xa falamos antes de que na zona de Vilagarcía formáronse areas e gravas que son esporadicamente extraídas para uso local, e tamén explótanse xacementos procedentes da alteración dos macizos graníticos, do que o nome do monte Xiabre[1], sería paradigmático. Para realizar o recheo do campo de fútbol coñecido como o "Mundialito", foi preciso procurar grava. Foi extraída nos terreos da denominada "Costa de Dona Desamparados", nas proximidades da desembocadura do río do Con. Ó descarga lo camión, foi atopado entre as terras un seixo tallado[2] (FOTO: Dimensións: Lonxitud max. 18,2 cm; ancho max. 11,6 cm; espesor max. 5,6 cm).
Extraíronse lascas o fragmentos descortizando a peza de xeito perimetral no estilo que chamamos Modo 2, adquirindo unha forma lanceolada.
O achado deste bifaz por tanto, é moi interesante, porque permite reforzar as posibilides sobre o poboamento da zona de Vilagarcía dende datas moi antigas, aínda que con reservas da súa pertenza a un momento anterior ó complexo técnico Achelense. Indicios de poboamento tamén visibles nos achados doutros concellos veciños. En Caldas de Reis apareceu, cerca dun abrigo rochoso, un raspador retocado feito nunha lasca de silex. En Meis, apareceu un bifaz e na praia de As Sinas (Vilanova) en 1963 Enrique Massó atopou ó carón do rego da Aduana unha lasca bifacial de cuarcita (Filgueira e García Alén , 1975).
[1] Có nome de xabre ou xiabre, coñécese ó granito en estado alterado en Galicia.
[2] Esta peza foi amablemente cedida para o seu estudo por Manuel Fontán Dacosta e a sua familia.