lunes, 31 de mayo de 2010

A Lanzada: un proxecto de recuperación e divulgación arqueolóxica


Cando nena, os meus pais me levaban moitas veces á Lanzada, onde por primeira vez vin unha cata arqueolóxica.


Ao estilo da época (o de sir Mortimer Wheeler), era unha cata cadrada, ben feitiña, duns catro por catro metros mais ou menos, e tan alta coma min (que por aquel entón viña sendo un metro).

Non había ninguén por alí e despois de darlle bastantes voltas pregunteille ao meu pai:


-¿qué é isto?

E o meu pai contestou...

- pois é onde vivían os prehistóricos.


Penso que a información foi confusa, ou escasa. Así que estiven enganada moitos anos, pensando que os castrexos vivían metidos naqueles buracos cadrados na terra.

Anos despois, cando con dezaseis anos decidín ir escavar, o meu pai levoume a Pontevedra, ao museo. Preguntamos. O señor da porta sentenciou...

-chegades tarde, marcharon e xa están escavando na Lanzada. Tes que vir o ano próximo.

E volvín. Pero a Lanzada xa rematara, e marchei a escavar nun pequeno castro do interior.

Estas dúas lembranzas sobre o xacemento da Lanzada, sirven como excusa para dar a coñecer con ledicia o novo proxecto que se desenvolverá na Lanzada a partir do 1 de xuño de 2010.

Se trata dun proxecto de Arqueoloxía social dirixido por Rafael Rodríguez Martínez (Excma. Deputación Provincial de Pontevedra) e executado por un equipo do Laboratorio de Patrimonio do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Esta iniciativa intégrase no proxecto Pousadas promovido pola Excma. Deputación de Pontevedra, entidade que financia os traballos de escavación e consolidación que se van levar a cabo de aquí a final de ano.

Teñen un blog para a difusión e comunicación do antedito proxecto arqueolóxico. http://alanzada.wordpress.com/


Internet é unha boa opción, pero podedes visitar as escavacións (e penso que mesmo participar nelas).


Así que xa non teredes excusas de pensar que "os prehistóricos vivían en buratos na terra".


Fotografía: Traballos de escavación ao carón da estrada n’A Lanzada na década de 1960 (Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra). Tomada do blog http://alanzada.wordpress.com/

miércoles, 17 de marzo de 2010

Arredor do mar: Antropoloxía Mariñeira

Do 22 ao 27 de Marzo de 2010, no Museo Municipal Manuel Torres (Marín), se celebran as IX Xornadas Blanco Freixeiro, este ano adicadas a antropoloxía mariñeira.

viernes, 1 de enero de 2010

Feliz 2010



Esta bola do mundo da compañía Lloyd Norte Alemán xa mirou a cara de moitas xeracións de arousáns dende "A Baldosa" e vai camiño de converterse nun icono de todos nos.
Con ela vos desexo un feliz 2010...e que a bola siga xirando!

viernes, 9 de octubre de 2009

O bifaz que chegou co fútbol


A información sobre os primeiros poboadores do noroeste peninsular é moi escasa o que non quere dicir que Galicia teña sido unha zona deshabitada no período coñecido como Paleolítico, sino que a investigación é moi recente en Galicia e os resultados son aínda provisionais. Tense proposto a posibilidade de que os primeiros grupos humanos acadaran o noroeste peninsular no Plistoceno Medio a través da costa portuguesa, de onde teríanse difundido polo litoral e os vales dos grande ríos, aínda que sen descartar aportes vía o val do Sil, dende a Meseta (Vázquez Varela, 1992: 17).
Debemos ter en conta que no longo período ó que estámonos a referir, producíronse grandes variacións climáticas, e por tanto da paisaxe e das condicións de vida. Nos períodos de clima frío, a temperatura baixaría, e con ela o nivel de neves perpetuas, e o propio nivel do mar, polo que incluso se pensa que na última glaciación as Rías Baixas puideron chegar a estar secas, convertidas en vales fluviais (Vázquez Varela, 1992: 10). Pola contra, nos episodios de clima benigno, daríanse as condicións opostas, expandíndose as especies arbóreas, e subindo o nivel do mar. De feito, algúns paisaxes de dunas da Ría de Arousa aos que estamos afeitos, responden a procesos desenvolvidos durante o Holoceno e non teñen unha antigüidade superior ós 3000 anos. Así o demostran estudos parellos realizados por exemplo, na ría de Vigo (Martínez e Costa, 1998), ou o xacemento costeiro no Illote de Guidoiro Areoso (Illa de Arousa), cunha antigüidade duns 4000 anos, onde os materiais e as estruturas aparecen nun paleosolo actualmente selado por unha formación de dunas, e que continúa por baixo do actual nivel do mar (Rey García, 1995). Se consideran formacións recentes as terrazas e aluvións de ríos como o Umia ou a zona litoral dende A Lanzada ata Vilagarcía, explotados de forma continua ou intermitente, proporcionando un gran volume de areas e gravas de grande interese económico na rexión, datados no Plistoceno por correlación cós terrazas do Norte de Portugal (I.G.M.E. 1985: 36).
Nesta paisaxe dinámica, tamén déronse cambios na fauna, e sabemos polas investigacións desenvolvidas que hai uns 30.000 anos, podíanse atopar na provincia de Lugo rinocerontes, hienas e grandes bóvidos, entre outros (Llana, 1998: 8). Aos achados xa coñecidos como os da Cova da Valiña (Castroverde), veñen a engadirse os realizados nos últimos anos en Cova Eirós (Triacastela), ou Valdávara II (Becerreá).
Coñécense poucos xacementos arqueolóxicos, sendo os das provincias de Ourense e Pontevedra os mellor coñecidos para o Paleolítico Inferior, e os do interior da de Lugo para o Paleolítico Superior/Medio. Un xacemento importante é o conxunto das Gándaras de Budiño (Porriño, Pontevedra), onde atopáronse fogares e restos dun “obradoiro” de elaboración de útiles. Industria feita sobre cuarcita, en menor proporción cuarzo, con leves sinais de rodamento (Cerqueiro, 1996). Tamén está o xacemento Paleolítico de Pazos (San Ciprián de Viñas, Ourense) con industria sobre cuarcitas, realizada a partir se seixos, onde predominan fendedores, bifaces con reserva cortical (Villar, 1997).
Aparte dos xacementos, caseque toda-la información procede de achados illados de útiles feitos en pedra, especialmente sobre seixos, dado que as características climáticas e edafolóxicas do país non permiten a conservación dos restos orgánicos. Estas evidencias en Galicia, atópanse de xeito relativamente abondoso, na zona costeira e nas ribeiras dos grandes ríos e os seus afluentes. Na provincia de Pontevedra, a meirande parte de achados corresponde o val inferior do río Miño e se estende ó longo da costa atlántica ata a praia das Sinas en Vilanova, e Caldas de Reis no interior. Tamén constátase a presenza de achados nas illas, como Cies e Ons (Filgueira y García, 1975: 61).
Na zona de Vilagarcía atopamos referencias espalladas sobre a presenza de "pezas paleolíticas (bifaces)", aínda que sen localización precisa (Filgueira e García Alén, 1975: 87). Os bifaces son un dos obxectos líticos tallados máis característicos do Paleolítico Inferior, concretamente da fase denominada "Achelense". Eran útiles plurifuncionais, xa que con eles realizaríanse moitas actividades, como cortar, rachar, etc....unha especie de machados ou coitelos primitivos.
En 1974, Vázquez e Díaz fan unha síntese sobre os xacementos paleolíticos galegos coñecidos, recollendo Carril e Vilagarcía como puntos do Paleolítico Inferior. O investigador Sobrino Lorenzo Ruza, tiña atopado bifaces nas inmediacións de Vilagarcía de Arousa, aínda que non se coñecía descrición ou información gráfica de tales pezas. Na Historia de Cuevillas (1951: 20, fig. 7) (DEBUXO) recóllese un debuxo dun bifaz atopado en Carril, segundo Bouza Brey e A. Blázquez.


As referencias illadas sobre a existencia de bifaces en Vilagarcía, foron confirmadas por un achado feito no ano 1993. Un achado que veu co fútbol...

Xa falamos antes de que na zona de Vilagarcía formáronse areas e gravas que son esporadicamente extraídas para uso local, e tamén explótanse xacementos procedentes da alteración dos macizos graníticos, do que o nome do monte Xiabre[1], sería paradigmático. Para realizar o recheo do campo de fútbol coñecido como o "Mundialito", foi preciso procurar grava. Foi extraída nos terreos da denominada "Costa de Dona Desamparados", nas proximidades da desembocadura do río do Con. Ó descarga lo camión, foi atopado entre as terras un seixo tallado[2] (FOTO: Dimensións: Lonxitud max. 18,2 cm; ancho max. 11,6 cm; espesor max. 5,6 cm).
Extraíronse lascas o fragmentos descortizando a peza de xeito perimetral no estilo que chamamos Modo 2, adquirindo unha forma lanceolada.

O achado deste bifaz por tanto, é moi interesante, porque permite reforzar as posibilides sobre o poboamento da zona de Vilagarcía dende datas moi antigas, aínda que con reservas da súa pertenza a un momento anterior ó complexo técnico Achelense. Indicios de poboamento tamén visibles nos achados doutros concellos veciños. En Caldas de Reis apareceu, cerca dun abrigo rochoso, un raspador retocado feito nunha lasca de silex. En Meis, apareceu un bifaz e na praia de As Sinas (Vilanova) en 1963 Enrique Massó atopou ó carón do rego da Aduana unha lasca bifacial de cuarcita (Filgueira e García Alén , 1975).

[1] Có nome de xabre ou xiabre, coñécese ó granito en estado alterado en Galicia.
[2] Esta peza foi amablemente cedida para o seu estudo por Manuel Fontán Dacosta e a sua familia.


CERQUEIRO LANDÍN, D. (1996): "As Gándaras de Budiño: prehistoria e historia". En, Fábregas, R (Edit.): Os primeiros poboadores de Galicia: O Paleolítico. Cuadernos do Seminario de Estudos de Sargadelos, 73: 47-73.
FILGUEIRA VALVERDE, J. e GARCÍA ALÉN, A. 1975: "Adiciones a la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra. Inventario de localidades con hallazgos paleolíticos". El Museo de Pontevedra, XXIX: 59-88. MARTÍNEZ CORTIZAS, A. e COSTA CASAIS, M. 1998: "Indicios de variaciones del nivel del mar en la ría de Vigo durante los últimos 3000 años". Gallaecia, 16: 23-47.
REY GARCÍA, M. 1995: "Excavación arqueolóxica no illote de Guidoiro Areoso". Arqueoloxía/Informes 3. Campaña 1989. Xunta de Galicia.
VILLAR QUINTEIRO, R. 1997: "El yacimiento Paleolítico de San Ciprián de Viñas (Ourense)". Boletín Auriense, XXVII: 9-26.
VÁZQUEZ VARELA, J.M. 1992: Las más viejas raíces de Galicia. Biblioteca, 114. El Correo Gallego.

jueves, 20 de agosto de 2009

Visita nocturna aos petróglifos de Tourón (Ponte Caldelas)

Agora que van rematando as festas, suxiro unha actividade diferente para a noite do venres 28. Si vos animades, podedes acudir á visita guiada nocturna aos petróglifos de Tourón (Ponte Caldelas), non lonxe de Pontevedra. Nesta visita nocturna a Área Arqueolóxica de Tourón, os petróglifos son iluminados con luz artificial para resaltar o suco na pedra, de xeito que se ven moito mellor que de día a pleno sol. Además é unha boa excusa para un agradable paseo nocturno no mes de Agosto nunha paisaxe única.
Algo semellante ao que podería facerse nos Ballotes en Vilagarcía...algún día...










Ver mapa más grande

miércoles, 29 de julio de 2009

Os Ballotes

En Decembro de 2008, hai xa máis de ano e medio, escribía no xornal unhas verbas sobre o conxunto de arte rupestre prehistórico do contorno de Vilagarcía de Arousa, comentando a súa fraxilidade e necesaria conservación. Hoxe veño a contar que nos últimos meses vivín con intensa expectación a actuación promovida polo concello de Vilagarcía nos petróglifos do Salgueiral e realizada con profesionalidade e entusiasmo por Iria, Elena e Alberto.


Nas primeiras visitas, tras a limpeza, vin xurdir na Pedra do Encanto ou Laxe Grande do Meadelo aqueles petróglifos que plasmara fai un século no seu debuxo Enrique Campo Sobrino. Todos, salvo aqueles mutilados ao longo do tempo a pesares do interese de intelectuais como Juan Fernández Gil y Casal no 1916 ou Fermín Bouza Brey en 1927. A pesares de todo, alí estaba a pedra coas súas cicatrices e aqueles motivos cargados de historias e lendas.

Co paso dos días, os traballos de roza e limpeza permitiron clarear o contorno do conxunto dos Ballotes. Baixo a vexetación e o escombro, comezaron a aflorar as pedras na paisaxe, e con elas os gravados. Moitos xa foran descritos por Bouza Brey no seu traballo sobre “unha estación de arte rupestre nas marxes da ría de Arousa”, do que a Universidade de Santiago conserva unha copia dedicada “con fonda devoción” a Castelao. Me lembro de un día de choiva en que Iria me amosou limpo o grupo 4 dos Ballotes. Da pedra mollada xurdía unha incrible representación dunha reata de animais, todos camiñando na mesma dirección.

Nas derradeiras visitas, a alegría e a sorpresa se combinaban xa cun enorme interese: novos gravados nunca documentados, novas rochas… os resultados non só non defraudaran as expectativas, senón que as superaban, amosando que o conxunto de arte rupestre de Os Ballotes-Meadelo é un dos máis importantes da ría de Arousa e de todo co contexto das Rías Baixas. Podemos polo en relación co conxunto localizado en Xiabre en 2007 ou con estacións xa coñecidas como A Laxe dos Bolos, ou outras na marxe norte da ría, especialmente na área de Rianxo. Unha manifestación singular cunha estilística propia, pero inserible no conxunto de arte rupestre prehistórico galaico, considerable sen dúbida, un dos conxuntos senlleiros no contexto da arte rupestre europea, tan merecedor da súa declaración como Patrimonio da Humanidade como a propia Torre de Hércules.

A intervención que ven de rematarse apenas permite intuír a riqueza do conxunto, que con seguridade, sería merecedor dunha actuación máis profunda. A simple retirada de escombros e terras de recheo cun control arqueolóxico no contorno das rochas permitiría recuperar moita información.

Pero ao interese científico dos petróglifos de Vilagarcía se une ademais o gran valor patrimonial do xacemento. Por iso a actuación debería ir máis aló.

En relación con isto, conto que ano próximo está prevista a inauguración do CIDAR ou Centro de Interpretación e Documentación da Arte Rupestre con sede en Campo Lameiro. Dende este centro se ofrecerá unha oferta de turismo cultural que incluirá outros puntos con arte rupestre nos que se fixeron actuacións de posta en valor, como os de Tourón en Ponte Caldelas, o recentemente inaugurado de A Caeira en Poio, ou o que está a desenvolverse xunto á praia de Mogor en Marín.

Parecería de sentido común que unha das cidades importantes do Eixo Atlántico pasara a formar parte desta rede de lugares visitables. A súa integración con outros elementos, como o Castro de Alobre ou o Monte Lobeira, incluiría ao contorno de Arousa na ruta de destinos cunha oferta turística alternativa pero complementaria á da exaltación gastronómica, por exemplo.

O seu acceso é inmellorable, pero no se trata de “atraer turistas” senón de coñecer e conservar este patrimonio. Por iso, se queremos ofrecer aos visitante unha opción dentro dun modelo de desenvolvemento sostible, é necesario adecuar a área dos petróglifos para a visita e ofrecer unha mínima información para a súa interpretación. Deseñar unha oferta de ocio intelixente integrada nun modelo de recuperación e valorización da paisaxe litoral da ría de Arousa e por suposto, da súa oferta gastronómica e do sector servizos en xeral. Porque ver petróglifos non quere dicir que non se poda comer ben ou beber un bo viño (que normalmente é o que apetece despois de camiñar).

Hai xa tempo que eu caín no “encanto” das pedras e das súas imaxes gravadas que resistiron o paso do tempo uns catro mil anos. Unha forma de comunicación propia de sociedades que non tiñan escritura e que viviron no pasado nas marxes de Arousa.

Non sei canto tempo resistirán o paso do tempo estas verbas escritas no contexto dunha sociedade de consumo rápido. Eu simplemente me conformo con que sirvan para que os arousáns valoren o que teñen e decidan en qué medida queren legalo ás xeracións que vivirán nas marxes de Arousa no futuro.



A NOVA NA PRENSA

jueves, 16 de julio de 2009

Nova Campaña no Castro de Alobre



Onte comezou unha nova campaña de escavacións no Castro de Alobre.
Esta aberta aos visitantes diariamente de 11.30 a 13 pola mañá e de 16.30 a 20.30 pola tarde. O acceso xunto á porta do colexio Filipense.