sábado, 11 de abril de 2009

Os Louseiros de Bamio (II)

Pensarán pola primeira foto que imos falar da Illa dos Famosos, coa selva de fondo.
A verdade é que ten que ver cunha aventura diferente nas propias portas da Ría de Arousa.

Tras a publicación do post anterior, Vicente Caramés envía á Pedra do Encanto, estas fotos dos restos dos testares de Bamio.
Criamos que os restos de fornos desapareceran. Pero, contra todo prognóstico, parece que polo menos se conservan dous e que ademais aínda conteñen cerámica no seu interior.
A verdade é que levamos unha sorpresa. Agora que somos coñecedores da riqueza que se conserva ¿non paga a pena promover un proxecto para a súa recuperación?
Outros concellos da ría, como por exemplo, o de Cambados, está en conversacións para recuperar «As Telleiras» mediante un taller de emprego. Xa recuperaron unha e agora queren recuperar a de Vieites na parroquia de Castrelo.
Tamén é salientable a tarea de Adela Leiro na recuperación das telleiras da zona de Dena, Roxique, A Revolta e Ardia, onde houbo unha importante industria cerámica que fomentou o transporte marítimo e fluvial en galeóns e outras embarcacións tradicionais. E falando da etnografía marítima, que dicir da encomiable actividade de asociacións como Mascato de Cambados ou Rabandeira de Vilanova de Arousa, na recuperación das embarcacións tradicionais, como o galeón Nueva Sófía.

¿Por que non recuperar os fornos dos famosos louseiros de Bamio? ¿Por qué non recuperar o seu saber, a súa memoria aínda presente nas marxes da ría?
Se apoias a iniciativa, apunta o teu voto na enquisa no propio blog.







De momento, parece que o único recuperado é esta palmatoria que unha veciña atopou no propio vertedoiro.












No hay comentarios: