jueves, 24 de febrero de 2011

Resumo da intervencion no Monte Lobeira (por Elías López-Romero)



O obxectivo principal da actuación era lograr o máximo de información sobre o círculo e o seu contexto minimizando o grao de intervención. Para lograr estes obxectivos o proxecto acude, por unha banda, a métodos de análise que minimizan o carácter destrutivo da intervención (prospección xeofísica do subsolo, sondaxe arqueolóxica) e á realización dun estudo xeográfico e territorial da contorna (que se está a realizar). O traballo contou en todo momento coa colaboración activa daComunidade de Montes de András, propietaria dos terreos.

Partíamos da hipótese de que o círculo e as estruturas tumulares encóntranse vencelladas. A natureza de esta relación pode ser de dous tipos:

1. Unha relación de orde sincrónica. O círculo e os túmulos pertencen a un mesmo momento (entendido isto de xeito amplo dentro de procesos de longa duración).

2. Unha relación de orde diacrónica. O círculo e os túmulos pertencen a momentos claramente diferenciados en termos cronolóxicos e culturais, pero o seu vencellamento ten que ser explicado.

O emprego do gradiómetro planeouse como unha ferramenta de estudo non destrutivo da contorna dos xacementos analizados. A súa utilización demostrouse de gran utilidade para a localización de estruturas e anomalías. A gran vantaxe deste tipo de prospección é que permite analizar grandes superficies en moi pouco tempo, sen ningún tipo de intervención directa sobre o rexistro. Deste xeito, a súa aplicación neste xacemento xustificase polo seu alto potencial, pola súa adecuación ao tipo de conxunto analizado e polo seu baixo costo en termos de tempo e de persoal. (Foto 1, arriba, o camiño identificado na prospección xeofísica en proceso de escavación).

A escavación de dúas sondaxes arqueolóxicas planeouse para avaliar a natureza do círculo lítico, a súa relación estratigráfica coas estruturas tumulares e o grao de conservación dos niveis arqueolóxicos. Nesta liña, a sondaxe1emprazouse na zona máis próxima entre o círculo lítico e o túmulo I, integrando parte de ambos. A sondaxe 2 planeouse na área sureste do círculo, nun sector no que os bloques que o conforman parecían ben conservados.

Debido á ampliación en dous metros da sondaxe1 sobre a previsión inicial (8 x 1 m en lugar de 6 x 1 previsto) e á potencia dos sedimentos nela identificados, a sondaxe 2 non foi finalmente escavada, limitándonos a unha limpeza superficial da mesma


A prospección xeofísica do subsolo demostrouse de gran interese. Identificouse unha anomalía lineal situada entre o círculo e o túmulo I que pode ser interpretada cun antigo camiño rural secundario

A escavación da sondaxe1 permitiu verificar que a estrutura do círculo lítico é moi superficial. Éste apoia directamente sobre un dos niveis superiores da sondaxe (UE004). Este apoio é por demais bastante simple, sen fosa de cimentación ni elementos adicionais de calce dos bloques.

Por estas características, e á espera de poder realizar as analíticas correspondentes ás mostras recollidas, parece plausible que o círculo lítico fora construído nunha época relativamente recente. A relación estratigráfica co túmulo máis próximo (cun momento de uso situado por baixo dos niveis sobre os que se asenta o círculo) parece en principio descartar a súa cronoloxía prehistórica.

Elías López-Romero Doctor contratado JAE-Doc Laboratorio de Patrimonio - CSIC

Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento(IEGPS-CSIC)

www.iegps.csic.es/lapa

Arriba. Unidades estratigráficas identificadas.

Abaixo. A sondaxe ó final de la escavación

No hay comentarios: