Fronte ao faro de Carril, Cortegada no fondo, coas "lombas da Ulla" dunha banda, e o con Branco e as Malveiras no mar de Arousa polo outro, pensaba que ese é o meu lugar favorito no mundo.
Onte, o mar, a música e o sentir da xente que alí se reuniu, fixo xurdir a ledicia do fondo do esprito, do mesmo xeito que os barcos arbolaban as velas.
No Gato Negro de Carril, estaban as maquetas de Manuel García (e as cedidas polo Museo do Mar), ou as fotografías da carrilexa Margot Fernández.
Abaixo, unha impresionante "chea" de fotografías reunidas polo Faiado da Memoria, retrataban un pobo "deitado no mar". O mellor, os comentarios na sala. Sobraban outros. Sentarse e escoitar as conversas entre os entusiasmados veciños.
De fondo, as voces do vídeo testemuñaban de primeira man as vivencias doutros tempos, como as do Xiné ou da Lita.
Falaba Fernando (da asociación Rompetimóns), da falla de axudas, das dificultades, do esforzo, da implicación da xente, do traballo por facer e da vontade decidida de turrar por un xeito de entender o legado cultural do que somos todos responsables. Non deixar perder o que somos... deso falaba.
Dende A Pedra do Encanto, facemos chegar o no agradecemento a asociación Rompetimóns, a os do Faiado da Memoria, as xentes de Carril e Vilaxoán e a todos cantos
participaron na organización do X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. O seu traballo e esforzo foi imenso.
Inmensa será a recompensa.
Parabéns.
Remato coas dornas: Froiña, Nai, Maricha e Parrula ... porque dalgún xeito o meu pai tiña que estar alí, fronte ao faro de Carril.
1 comentario:
Son las primeras dornas Nai,primera por la izquierda Froiña de Julio Gárcia,Nai de los hermanos Cordal Carus,Maricha de Guillermo Poyán y Parrula de Carlos Comendador, fondeadas delante del Bar terraza
Casablanca
Publicar un comentario