martes, 23 de junio de 2009

A tenda dos tesouros


Fermín Bouza Brey recolle a seguinte lenda:

Contan que na noite de San Xoán, na Pedra do Encanto aparece unha fermosa muller cunha tenda con cousas de ouro e prata.


Dunha vez, pasou un home ó que lle preguntou:


- ¿Que che gusta mais da tenda?.


El contestou:


- "Gústanme estas tixeiras de ouro".


A muller díxolle entón:


- "Que che corten as alegrías con elas". O home morreu.

Segundo Secundino Suárez, vecino de Vilar, que escoitara contar a historia ó seu abó, tiña que ter contestado:

- "Gústame a tenda pero gústame mais a tendeira".
Xa sabedes o que hai que contestar si pasades por alí esta noite. Estades avisados!

sábado, 6 de junio de 2009

A Pedra do Encanto ou gran Laxe do Meadelo

Seguen a desenvolverse os traballos en Bamio e están comezando a dar moi bos resultados.
O concello está limpando a zona, o que permite descubrir baixo a vexetación novos gravados ate o de agora inéditos.
Estes traballos non so serven para un rexistro máis completo da riqueza patrimonial de Arousa, senón tamén para facermos unha idea do seu deterioro ao longo do último século.
Temos o exemplo do petroglifo que da nome a este blog, A Pedra do Encanto, tamén chamada Gran Laxe do Meadelo, por atoparse nas inmediacións da torre medieval do Meadelo, da que apenas quedan os alicerces.
A principios de século, en 1907, o artista Enrique Campos presentaba un debuxo da Pedra do Encanto. Aínda non fora totalmente partida para a construcción da estrada a Catoira. As outras foto están tomadas o pasado luns.







Un erudito local do que xa temos falado, Juan Gil, publicou cara a 1916 varios debuxos dos gravados nesta laxe (o da Pedra do Encanto a dereita).



Posteriorente, no fundamental traballo publicado por Fermín Bouza Brey en 1927, Unha estación de arte rupestre nas marxes da ría de Arousa, atopamos múltiples debuxos e fotografías, así como indicacións de petroglifos que posiblemente estean xa perdidos para sempre. (No debuxo podedes comparar o seu calco co anterior). Fala de varios petroglifos ao sureste desta pedra, máis ou menos por onde hoxe hai edificacións.
Ramón Sobrino Buhigas o xenial investigador curmán de Enrique Campos, escribiu o primeiro corpus sobre a arte rupestre galega Corpus Petroglyphorum Gallaecia editado en 1935 polo Seminario de Estudos Galegos. Alí tamén hai calcos da pedra do Encanto.

(Nunha nota erudita corríxenme esta entrada. Certamente, e de xeito lóxico pola data, a nota que eu refería de seguido a Ramón Sobrino Buhigas é do seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. De feito, coas presas, esquecín citar a fonte da cita, que é un traballo de Angel Núñez Sobrino dispoñible en pdf . Sorry polo lapsus e graciñas ao meu colega erudito, que xa vexo que ten a ben ler de cando en vez este blog)

O seu fillo, Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, nunha nota de 3 de Junio de 1951 di:


“Voy a Ballotes y Meadelo a la tarde. El zapatero que vive y trabaja frente a la 2ª piedra me facilita cepillos, sosa y calderos de agua. Se limpia la peña, se lava y en vista de lo bien que se ven los motivos, saco fotografías. Hay más de lo que vio Enrique Campo y Bouza-Brey. Ambas se complementan, pero el último fantaseó con sus ídolos”.


Posteriores investigadores se achegaron a esta pedra para facer os seus novos calcos, pero a pedra xa estaba partida en dous e xa se perdera parte do seu contido e do seu contexto.


Os calcos que están a facerse nos permitirán coñecelos mellor e tamén avaliar o seu estado de conservación. É certo que hoxe en día podemos ter medios máis sofisticados para rexistrar os gravados, pero as condicións de visibilidade nas que foron feitos aqueles primeiros calcos pode que foran mellores, porque a acción do home sobre o medio non era tan patente. Por eso son documentos tan valiosos para amosar non só o deterioro dos gravados, senón da propia paisaxe na que se insertan, unha paixase que forma parte da súa esencia.


Para o próximo post, encaramos o conxunto dos Ballotes e os seus múltiples rexistros.

martes, 19 de mayo de 2009

Traballos no conxunto de arte rupestre dos Ballotes

Dende A Pedra do Encanto temos denunciado o estado de abandono no que se atopan algúns dos petroglifos da marxe dereita da ría de Arousa.
Agora queremos amosar a nosa satisfacción polos novos traballos de rexistro e catalogación dos petroglifos do conxunto dos Ballotes (Bamio) que están a realizarse baixo a iniciativa do concello de Vilagarcía de Arousa.

Iria e máis Elena, encargadas dos traballos, nos envían dúas fotos do proceso de rexistro e elaboración dos calcos. Na primeira pode verse un zoomorfo, posiblemente un cervo.

Na de máis abaixo poden verse diferentes combinacións de círculos concéntricos con coviñas no seu interior.

Así están hoxe, e así estaban nos anos noventa, como podedes ver nunha foto (en branco e negro) dos mesmos motivos de cando se fixera a catalogación dos xacementos arqueolóxicos de Vilagarcía.


Ainda máis abaixo vedes outra foto dunha serie de motivos que daquela podían verse doutro lado camiño. Hoxe xa non poden verse porque foron destruídos nos últimos vinte anos.


Un arte efémero que permaneceu na rocha máis de catro mil anos, para desaparecer en tan curto prazo.

Esperemos que esta acción do concello de Vilagarcía sexa o primeiro paso na posta en valor que este conxunto de arte rupestre precisa.


Novas na Prensa:

El Concello encarga un estudio sobre el petroglifo de Os Ballotes, en Bamio
Ravella contrata un estudio arqueológico sobre Os Ballotes

Fotografías en branco e negro de Vicente Caramés

domingo, 12 de abril de 2009

Match Internacional: Rio Tinto- Vilagarcía

Veño dun viaxe por terras andaluzas. Co meu habitual gusto polas minas de cobre, visitei Minas de Río Tinto. Faláranme moi ben do museo e da ruta no antigo ferrocarril recuperado. A verdade é que o teñen ben montado e gustounos moito a experiencia.



A cuestión é que xusto alí que me vou a decatar da rivalidade que os de Minas de Río Tinto teñen cos de Vilagarcía por adxudicarse o berce do futbol. E tómanno en serio...moi en serio...segundo vin nos foros.


A min a verdade é que me dá o mesmo onde se xogou primeiro, pero ambos os casos son sorprendentes exemplos da interacción coa sociedade inglesa victoriana.

Por exemplo, alí contáronnos que a palabra "gossan", típica na minería do cobre, é unha adaptación andaluza do inglés "gold sand". O mesmo a chamada "maraguata" ou augardente, que derivaría do que os ingleses chamaban "mens water".


En Vilagarcía, aínda gritamos "PICHI!" (e non chapapote) cando alguén vai pisar alcatrán na area, dervado do inglés "pitch"...por pór un exemplo.


Aproveitando que o río vai tinto (tamén o Eume), traio a colación a exposición sobre a Vilagarcía dos anos 30 que organiza o concello "Xente Nosa". Paréceme unha boa iniciativa, e para colaborar, vouvos a regalar unha pequena xoia familiar. O meu avó, Manuel Rey Posse (na foto), foi un artista polifacético. Ademais de pintar ou esculpir, escribiu numerosos apropósitos de entroido, obras de teatro e outras cousas. Aínda que publicado en 1953, suponse que cara a 1920 escribiu este marabilloso monólogo titulado Match Internacional, unha hilarante escena que representa un match de foot-ball, entre os teams "Spenser" da Escuadra inglesa e o "Real Club Alfonso XIII" e o seu "avistamento" por un feirante paragüeiro.

Algúns fragmentos elixidos mostran a sorpresa dos locais ante o novo deporte. Como cando pregunta -E que raio de xogo e iste?- ou comenta do campo -Que boa leira pra patacas!-

Tamén decide que aquelo co que andan a couces é unha vexiga de porco!

Creo que lidar a pregunta de onde se xogou primeiro ao futboll é unha discusión que entorpece a riqueza de respostas á pregunta de como foi. Nunca me gustaron os Guiness. O máis, o menos, o maior, o mellor...

Do you know what I mean?
Para descargar o Monólogo Galego: Match Internacional, obra de Manuel Rey Posse.
Tamén en versión word.

sábado, 11 de abril de 2009

Os Louseiros de Bamio (II)

Pensarán pola primeira foto que imos falar da Illa dos Famosos, coa selva de fondo.
A verdade é que ten que ver cunha aventura diferente nas propias portas da Ría de Arousa.

Tras a publicación do post anterior, Vicente Caramés envía á Pedra do Encanto, estas fotos dos restos dos testares de Bamio.
Criamos que os restos de fornos desapareceran. Pero, contra todo prognóstico, parece que polo menos se conservan dous e que ademais aínda conteñen cerámica no seu interior.
A verdade é que levamos unha sorpresa. Agora que somos coñecedores da riqueza que se conserva ¿non paga a pena promover un proxecto para a súa recuperación?
Outros concellos da ría, como por exemplo, o de Cambados, está en conversacións para recuperar «As Telleiras» mediante un taller de emprego. Xa recuperaron unha e agora queren recuperar a de Vieites na parroquia de Castrelo.
Tamén é salientable a tarea de Adela Leiro na recuperación das telleiras da zona de Dena, Roxique, A Revolta e Ardia, onde houbo unha importante industria cerámica que fomentou o transporte marítimo e fluvial en galeóns e outras embarcacións tradicionais. E falando da etnografía marítima, que dicir da encomiable actividade de asociacións como Mascato de Cambados ou Rabandeira de Vilanova de Arousa, na recuperación das embarcacións tradicionais, como o galeón Nueva Sófía.

¿Por que non recuperar os fornos dos famosos louseiros de Bamio? ¿Por qué non recuperar o seu saber, a súa memoria aínda presente nas marxes da ría?
Se apoias a iniciativa, apunta o teu voto na enquisa no propio blog.







De momento, parece que o único recuperado é esta palmatoria que unha veciña atopou no propio vertedoiro.












lunes, 16 de marzo de 2009

Os Louseiros de Bamio


Hai xa uns anos que visitei a colección dunha coñecida tenda de antigüidades de Vilagarcía, El Hogar, coa miña amiga Marta Redondo, a quen envío dende estas páxinas unha forte aperta.
EL HOGAR fora fundado por DON JOAQUIN PORTO CASÁS en 1942. Inicialmente fundado como negocio de antigüidades, se pode atopar louza e porcelana de todo o mundo, xerras de Bristol, fontes de Doulton, porcelanas de Limoges, pezas de calamina, estaño, metal prateado, mobles, reloxos, lámpadas, libros e demais obxectos curiosos.
O piso superior do establecemento comercial contén unha magnífica colección de Sargadelos antigo ou da cerámica Celta de Pontecesures. Pouca xente o sabe, pero pode ser visitado.
Nunha destas visitas, atopei esta peza cerámica, e con sorpresa descubrín que é unha das poucas mostras conservadas das antigas Olerías de Bamio. Xunto co exemplar do Hogar, poden verse outros No Museo de Pontevedra, Museo do Pobo Español de Madrid, e na colección de cerámica galega do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

No Diccionario Galego Castelán que Francisco Porto Rey (o pai de Joaquín Porto) comezou a publicar no periódico Villagarcía_Carril en 1900, dicía o seguinte de Bamio:
“tiene muchas tejeras y hornos en que se cuecen casi todos los pucheros de barro que se usan en las inmediaciones.En mareas altaslas aguas atlánticas llegan al pie de sus casuchas, por lo que abunda la pesca de anguilas y sollos y la caza de patos. El ferrocarril de Santiago a Carril pasa por el medio de la aldea”.

Algúns autores que revisaron a olería galega, como Luciano García Alén, recollen a tradición dos Louseiros de Bamio. Según describe Vázquez Varela, na súa recentemente reeditada tese, tiña parecido coa cerámica de Buño, e se elaboraban especialmente: barreños, chocolateiras, perróns, olas, tarteiras, cazolas, pucheiros e macetas.

Dun artigo de Francisco Díaz Sánchez tomamos este fragmento:
"...Descoñecemos a orixe da olería de Bamio. Sorpréndenos, unha vez máis, atopa-la aldea dos oleiros nun ámbito natural sen barro. Os artistas de Bamio necesitan extraelo dos fondos mariños da enseada de A Toxa, en A Seca e Os Tubos da parroquia de Vilalonga (Sanxenxo) e, posteriormente, trasladalo por mar en galeóns máis de 25 kilómetros. Este barro de cor vermella e gran plasticidade, era coñecido como “barro pinto” polas manchas amarelas ou brancas propias da arxila caolínica. A historia dos louceiros de Bamio remata mediados do século XX, e con eles desaparecen “as olas, os cántaros, os barreños e os barreñóns grandes e bicolores” característicos do lugar...".

Vázquez Varela, sinala que entre 1930-1936 había por volta de 50 louseiros (ou alfareros). tamén sinala o ano 1950 como fin dos talleres.

No entorno da “rexenerada” praia de Bamio, aínda é posible atopar restos da estructura dos fornos mesturados con restos de olería. Non coñezo ningunha iniciativa de recuperar esta artesanía, ou polo menos a súa historia, que case semella perdida e esquecida...Pero forma parte das historias do río Ulla e da ría de Arousa.

domingo, 1 de marzo de 2009

Solamente Rubianes

Buenas noches, señoras y señores, soy Pepe Rubianes, actor galaico-catalán, digo «galaico» porque nací en Galicia, aunque casi nunca he vivido allí, y «catalán» porque he vivido siempre en Cataluña, aunque nunca he nacido aquí. Esto es una gracia, un gag. Si les hace gracia, se lo regalo, para ustedes..., ¡es malo de
cojones!
La verdad sea dicha es que yo soy galaico-catalán, porque yo me llamo José Rubianes -en gallego «Rubians»- Alegret, lo cual quiere decir que Alegret, mi segundo apellido es originario de Cataluña, dado que mi tatarabuelo Marià Alegret era de Barcelona. Fue uno de aquellos empresarios catalanes que emigraron a Galicia a finales del siglo pasado para la explotación de la industria marisquera. Para allá se fueron una veintena de ellos. Se instalaron en las rías altas de Galicia. ¡Todos se hicieron multimillonarios, menos mi tatarabuelo! ¡Manda cojones! Con la almeja que hay allí, ¡no me jodas, por favor!
Todos nadando en oro y en plata, menos él.
Lo que sí hizo mi tatarabuelo es conocer a mi tatarabuela, una gallega guapísima, Carmiña, de ojos verdes, con un fondo azulado igual que yo, rubia igual que yo, alta y esbelta igual que yo: yo he salido a mi tatarabuela.

Coñecín a Pepe Rubianes en Barcelona, á saída do espectáculo "Rubianes Solamente", do que transcribo o fragmento anterior. Recibiunos no seu camerino onde alguén presentoume como "paisana" da túa terra. Falamos de Vilaxoán, das súas orixes galegas. Perdera a algúns dos seus. Falaba diso con tristeza. Andaba a voltas co xuízo por aquelas verbas, penso que mal interpretadas, sobre a "patria española".
Hoxe abro o xornal coa nova do seu óbito. A min a verdade, pareceume un tipo coa honestidade do auténtico, de verdade, non apto para os políticamente correctos. E como actor era incomensurable.
Dende A Pedra do Encanto e un curruncho desta xeografía, unha pequena pero boa lembranza para un cómico xenial.