lunes, 21 de julio de 2008

A Moura da Coca


"...A Laxe é un barrio vello e de antigas tradicións e, polo mesmo, gardián de moitas lendas. Unha das quetemos recollidas aquí é a do saco de ouro. Pero deixemos que nesta ocasión, sexa a miña informante, Aurea, a que nos relate a historia. A fonte á que se refire é a Coca, situada entre a Laxe e a Florida.

E conta Aurea:

Nesta fonte pasaron moitas cousas, había moitas aparicións. Aquel día ía o tio do meu avó á Feira do Vintecinco, alí a Carril. E para chegar canto antes saíu cedo da casa. Inda era de noite. E ao chegar á Coca encontrouse encima da fonte unha chavala rubia, de melena moi longa e que estaba gardando unhas galiñas. A chavala preguntoulle ao tío do meu avó, que se chamaba Pablo, que para onde ía, e el contestoulle que para a Feira do Vintecinco. E a chavala díxolle: pois si vas alá, tráeme un tarabelo de carballo, porque estas galiñas sempre están a escapar e, como non teño tarabelo no cortello, non dou conta delas. Pero tráemo escondido, que non lle dea o sol, senón non cho quero.
E o fulano díxolle: Bueno ¿e que gano eu con iso? Pois douche cen pezas de ouro.

E o parente do meu avó foise para a feira, pero sen crer en nada. E ao estar no Vintecinco viu a un destes quefacían zocos e pediulle un cachiño de madeira, que ben podía servir de tarabelo. E meteuno no bolso. E ao chegar á Coca xa e volta, topou coa fulana, que aínda estaba alí coas galiñas.

E preguntoulle ela: ¿Trouxéchesme o tarabelo?
Trouxen. E doullo.
E a fulana meteuse nun burtao que había na fonte e ao pouco rato saíu cun saco cheo de ouro.
E o outro asustado, díxolle: ¿É para min? Si, é todo para ti. Pero cunha condición: Que non mires ata chegar a túa casa. Bueeeeno...
O fulano cargou co saco, pasou o río e despois de andar un pouco xa non aguantou máis e abriu o saco para contar canto ouro tiña. Pero cando mirou dentro, o único que atopou foron carbóns como aqueles que había na vía do tren. E entón empezou a berrar: ¡O meu ouro, o meu ouro! E o meu ouro todo se fixera carbón, por idiota, que si non o mirara eramos agora todos ricos... E por iso a finca onde lle aconteceu iso, o conto ese, aínda se chama O Ouro, que está alí fronte ao lavadoiro, ao lado da Maroma ¿Non sabes?..."

Extracto do libro FESTAS, LENDAS E TRADICIÓNS DO CONCELLO DE VILAGARCÍA de Carlos Rei Cebral, o meu curmán Xandrolas.
Na foto, o peite do tesouro das Silgadas (Caldas).
.

No hay comentarios: