martes, 15 de marzo de 2011

Manuel e María

Hai uns días visitei á miña nai na residencia que está nas Sinas. Ela xa non me recorda, pero aínda non perdeu a capacidade de responder ao contacto humano. Paseábamos polo corredor e achegáronse onda nos Manuel e María. Manuel coida de María, a súa dona andaluza, con enorme agarimo. Di que está peor do que él… andan por aí.

Achegouse á miña nai e preguntoulle… ¿Carmiña, como estás Carmiña?... A miña nai deulle a cara e espetoulle un bico na meixela. Eu pensei… pois non leva aquí un ano e xa fixo amigos, a pesares de todo.

Logo Manuel preguntoume…

¿cántos anos ten ela? …conteillo… Finalmente contoumo… o que quería contar… eu son da Illa, da Illa de Arousa. E sorría namentres mo contaba. Xa non está na Illa, pero a Illa segue na súa memoria, no que é.

Os ritmos lentos acompañan os paseos dos habitantes daquela casa polas baldosas, pero levan a terra pegada aos pes.

Por iso non entendo as políticas sociais. Xa non imos falar da tolemia dos papeis da famosa “dependencia”, ou das auténticas odiseas para facer os seguimentos dos procesos. Pero a última é que si un enfermo ten dereito a praza pública subvencionada, segundo a lei pode tocarlle en calquera da provincia. E esta adxudicación so ten conta da situación dos “individuos”, non das parellas.

Agora pensen en Manuel e en María. Ámbolos dous son dependentes. A Manuel podería tocarlle en “terra seca” en Crecente e a súa dona a noventa kilómetros lonxe, en Lalín… a súa familia so tería que percorrer douscentos kilómetros cada vez que queira visitalos. Xa so de pensar na idea dáme arrepío.

¿Qué política social é esta? ¿A do desarraigo? ¿A do colocar as xentes doentes como quen reparte paquetes? ¿Qué fará Manuel sen María? ¿E María sen Manuel? ¿E quen lle dará bicos á miña nai?

Hoxe tiña ganas de contar isto que é tamén antropoloxía. E tamén unha vez máis, recordar a labor da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Vilagarcía de Arousa, dos coidadores e de todos os voluntarios que traballan desinteresadamente en beneficio de outros. No mundo que temos creado o que resta é a humanidade. E humanidade nas políticas de xestión social é o que pedimos aos políticos. Xa que non hai diñeiro, alomenos humanidade.

As fotos son do meu irmán Manuel Comendador, feitas en Punta Cavalo (Illa de Arousa). Van dedicadas a outro Manuel, o da Illa, por un bico agarimoso.

3 comentarios:

Manolo de Turoqua dijo...

Eu non coñezo a túa nai, alomenos non lembro tela coñecido.
Cando volvas a visitala dalle otro bico e unha aperta, doutro Manuel que te aprecia, te quere e comparte a túa indignación.
Estámonos convertendo nunha sociedade de desarraigados insensibles.

Manolo de Turoqua dijo...

Coido que isto pódete animar, bicos.

http://www.divshare.com/download/14365029-625

bea dijo...

Gracias Manolo. Un bico!